Un estudo conclúe que a variante brasileira da Covid é "máis transmisíbel"

O investigador principal do proxecto insta a aumentar a vixilancia das infeccións após os resultados deste informe, no que se detectaron até 17 mutacións xenéticas na cepa do coronavirus con respecto a outras coñecidas.
Un home dunha zona indíxena do Brasil coa máscara. (Foto: Lucas Silva / dpa)
photo_camera Un home dunha zona indíxena do Brasil coa máscara. (Foto: Lucas Silva / dpa)

Un estudo elaborado por expertas e expertos de Brasil, o Reino Unido e Dinamarca, dado a coñecer a través da revista Science, conclúe que a variante brasileira P.1 do coronavirus é, case con total probabilidade, “máis transmisíbel” que o resto de cepas aparecidas (sen engadir a variedade india).

O grupo científico encargado do informe sostén que é posíbel que esta mutación do virus “poida evadir a inmunidade obtida da infección con outras cepas”.

"A nosa principal explicación é que existe unha variante agresiva do coronavirus chamada P.1 que parece ser a causa dos seus problemas”, sosteñen no escrito publicado entre a comunidade científica.

Así, engaden que o modelo epidemiolóxico co que traballan apunta a esa situación. De feito, para estudar a variedade, as súas características e propiedades estudaron datos recollidos na localidade brasileira de Manaos. Integraron, por exemplo, 184 mostras de información de secuencias xenéticas.

Desta forma descubriron que a brasileira é diferente doutras cepas da Covid-19, pois ten 17 mutacións.

"Como investigadores, temos que ser cautos á hora de extrapolar estes resultados para que sexan aplicables en calquera outra parte do mundo”, indicou o autor final do informe, Samir Bhatt, investigador do Departamento de Saúde Pública da Universidade de Copenhague.

“Con todo, os nosos resultados subliñan o feito de que é necesaria unha maior vixilancia das infeccións e das diferentes cepas do virus en moitos países para ter a pandemia totalmente baixo control", alertou.

Comentarios