A investigación da 'conexión rusa'

Estreítase o cerco sobre Trump: o seu ex xefe de campaña colaborará co fiscal Mueller

Paul Manafort confesou esta sexta feira a súa culpabilidade en dous dos cargos que se apresentaban contra el, no curso dunha investigación sobre a súa asesoría en Ucrania ao presidente pro-ruso Viktor Yanukovych. A confesión é o produto dun acordo co fiscal especial Robert Mueller, quen investiga a suposta conspiración rusa para levar Trump á Casa Branca. É un golpe moi duro para o presidente dos EUA, porque Manafort estivo no miolo de campaña de 2016.

trump
photo_camera Donald Trump

Manafort confesou a súa culpabilidade perante dous cargos —fraude fiscal e obstrución á xustiza— en troca de que lle retirasen outras acusacións que se formulaban contra el. Destarte, terá un tratamento benigno cando sexa sentenciado. O probábel é que sexa condenado a como máximo 10 anos de prisión. Para obter esta rebaixa nas súas penas, o ex xefe de gabinete de Trump oferécese tamén a prestar declaración sobre a súa "participación e coñecimento en todo tipo de actividades criminais". Non só as referidas ás súas incursións na política e na economía ucraínas, senón tamén as que teñen a ver coa conexión rusa —a hipotética conspiración de Moscova para favorecer a candidatura de Trump nas presidenciais de 2016, con hackeos masivos de redes sociais como Facebook e Twitter.

O revés para a Casa Branca é de consideración, porque se alguén estaba no núcleo duro da campaña de Trump ese era Paul Manafort. Non estariamos perante a primeira traizón ao inquilino da Casa Branca. A finais de agosto, o ex avogado do presidente, Michael Cohen, tamén mostrou a súa disposición a colaborar con Mueller.

Como era previsíbel, desde a Administración Trump rexeitouse esta mesma sexta feira calquera hipótese de que as revelacións de Manafort puidesen incriminar o presidente dos EUA: o caso de Ucraína, dixo a portavoz Sarah Sanders, non garda "ningunha relación" con Trump. O avogado deste, Rudy Guliani, enfatizou: "O presidente non fixo nada incorrecto".

A equipa de investigadores que dirixe o fiscal Robert Mueller pensa que Manafort mantiña vínculos directos cos servizos secretos rusos e que o nexo sería Konstantin Kilimnik, un consultor que traballou en Ucrania para o ex xefe de campaña de Trump.

A Casa Branca non agardaba que Manafort se prestase a colaborar con Mueller. Na contorna de Trump se daba por suposto que Manafort negaría todo vínculo co Kremlin, coa esperanza de que finalmente fose indultado polo presidente.

Eses cálculos fallaron e agora Trump se acha nunha situación moi comprometida, coa ameaza do impeachment —perspecdtiva case segura de os demócratas gañaren as eleccións lexislativas de novembro— pairando sobre a súa cabeza.

Comentarios