Estrasburgo falla contra o Estado español e tomba a doutrina Parot

O Tribunal de Dereitos Humanos da Unión Europea fallou contra o Estado español e tombou a doutrina Parot por considerar a súa aplicación con carácter retroactivo unha vulneración dos dereitos humanos.  O goberno español di que a sentenza "non muda a política penitenciaria" do executivo. Pola súa banda a esquerda abertzale di que "é o momento de dar unha oportunidade á paz".

Concentración en Gasteiz [Imaxe: Naiz]
photo_camera Concentración en Gasteiz [Imaxe: Naiz]

O Tribunal de Estrasburgo fixo pública esta segunda feira a sentenza sobre o caso de Inés del Río. A máxima instancia europea en materia de Dereitos Humanos desestimou o recurso presentado polo Estado español e condénao pola aplicación da doutrina Parot no caso da etarra. 

O Tribunal de Estrasburgo ve unha violación do Convenio europeo de dereitos humanos na aplicación con carácter retroactivo da Doutrina Parot

Aliás, exixe a "inmediata" posta en liberdade da presa, o que tomba a aplicación desta medida que considerou, por unanimidade, unha violación do artigo 5 do Convenio europeo de Dereitos Humanos. Asemade, obriga a indemnizar á etarra con 30.000 euros por vulnerar o seu dereito á liberdade e considera que ha de ser o goberno español quen execute a decisión.

O Tribunal ve na aplicación da doutrina Parot unha vulneración dos dereitos humanos

Estrasburgo considera que o Tribunal Supremo vulnerou o artigo 7 (non hai castigo sen lei) do devandito Convenio ao aplicar con carácter retroactivo a súa xurisprudencia. Neste senso, o Supremo español prolongou por nove anos a detención de Del Río, o que supón, segundo o comunicado emitido polo pleno do Tribunal de Dereitos Humanos, unha violación dos principios de igualdade e liberdade (artigo 5.1 do Convenio) da presa.

Indemnizacións por danos morais

A Gran Sala considera que Inés del Río é obxecto dunha detención "non regular" desde xullo de 2008 e exixe ao Estado español a súa "inmediata" posta en liberdade, ben como o pagamento dunha indemnización de 30.000 euros en concepto de "danos morais". Aliás, o Estado deberá abonar a Del Río 1.500 euros polas costas xudiciais. 

Após a sentenza emitida polo Tribunal europeo de Dereitos Humanos, a Audiencia Nacional española terá que revisar todos os procesos xudiciais en que fose aplicada a Doutrina Parot, entre eles o da presa galega Xosefa Rodríguez.

O goberno español "lamenta" o fallo de Estrasburgo

Os ministros españois de Interior e Xustiza compareceron en rolda de imprensa para valorar a sentencia do Tribunal europeo de Dereitos Humanos. Alberto Ruíz Gallardón e Jorge Fernández Díaz aseguraron que o fallo "non muda o fondo da cuestión" nen a "vontade" do goberno que seguirá "firme" coa "loita anti-terrorista", afirmaron. Asemade, aseguraron lamentar "de verdade" a decisión adoptada pola Gran Sala.

Gallardón dixo "lamentar de verdade" a decisión do TEDH e asegura que a política do goberno "non vai mudar un punto"

No entanto, será a Audiencia Nacional española --que se reunirá en pleno esta terza feira-- o órgano que determine como se aplicará o fallo. "Son os órganos xudiciais competentes os que determinarán en que casos o fallo do Tribunal europeo de Dereitos Humanos é de aplicación", sinalou Jorge Fernández Díaz perante as inminentes solicitudes de excarcelación que sexan presentadas.

Así as cousas, a sentenza exixie a posta en liberdade de Inés del Río coa "maior brevidade" após considerar a súa privación de liberdade unha violación do Convenio europeo de dereitos humanos. 

A respeito das indemnizacións decretadas pola sentenza que exixen a compensación por "danos morais" á presa navarra, Alberto Ruíz Gallardón avanzou que o goberno español non as pagará. Para isto apelou ás indemnizacións por responsabilidade civil que a administración estatal adiantou en nome de Del Río Prada e das que, dixo Gallardón, se descontarán os 31.500 euros aos que foi condenado a pagar o Estado.  

Sortu ve na sentenza unha "interpelación directa" ao Goberno español

En comparecencia de imprensa Sortu asegurou que o fallo emitido polo Tribunal europeo de Dereitos Humanos é "unha interpelación directa" ao Goberno español. Para a organización abertzale a sentenza exixe ao Estado que cese na aplicación "dun ordenamento xurídico de excepción". "É o momento", sinalou Pernando Barrena, "de aproveitar a sentenza para revisar a política penitenciaria e dar unha oportunidade á paz". Algo, din, que desde Madrid non fixeron nestes dous anos desde o cesamento permanente ao fogo de ETA. 

Sortu di que "é o momento de dar unha oportunidade á paz" e insta o goberno español a "revisar a política penitenciaria"

Para a esquerda abertzale --que se amosou satisfeita pola sentenza coñecida esta segunda feira-- o fallo de Estrasburgo "debe supor a posta en liberdade inmediata" de tod@s @s pres@s ás que lles foi aplicada. Asemade, din, o ditame debe supor "o fin da aplicación" da doutrina Parot. O portavoz de Sortu, Pernando Barrena asegurou que a organización basca "non cre en esquemas de vencedores e vencidos" mais indicou que o resultado da sentenza "é un logro de todos" os que cren, sinalou, "no respecto aos dereitos humanos" e no fin da actual política penitenciaria. 

No entanto, desde o Goberno español rexeitaron esta mañá que o fallo vaia supor mudanza algunha na actuación do executivo. 

A AVT pide a Madrid que non aplique a sentenza 
Pola súa banda, a Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT), exixiu esta segunda feira que o Goberno español non aplique a sentenza ou, do contrario, indicou a súa presidente, iniciarán mobilizacións para presionar. A AVT asegurou sentir "noxo" após coñecer un fallo no que se considera a aplicación retroactiva da doutrina Parot unha violación dos dereitos humanos.  

A defensa exixe a posta en liberdade de Inés del Río

A defensa de Inés del Río pediu a excarcelación da presa basca pois, din, "desde o punto de vista xurídico non hai marxe para manter o se encarceramento". Para as avogadas a doutrina Parot fica "morta" após a sentenza emitida polo TEDH.

Neste senso, nos vindeiros días iniciarán o procedemento para a liberación doutr@s 55 pres@s que ao igual que Del Río Prada cumpriron integramente a súa pena e continúan en prisión "de maneira inxusta", sinalaron.

A Audiencia Nacional española debaterá esta terza feira como se executará o fallo emitido por Estrasburgo en relación ao caso da etarra. 

Comentarios