Estrasburgo estuda seis casos onde Marlaska foi instrutor

Dereitos Humanos analiza nove casos onde non se investigaron torturas
Fotografía de Unai Romano após a detención.
photo_camera Fotografía de Unai Romano após a detención.

Un fío en Twitter do xornalista vasco Igor Goikolea recolle o relato en primeira persoa das torturas denunciadas por Unai Romano en 2001, no marco da súa detención e posta a disposición xudicial na Audiencia Nacional. Actualmente, o caso está no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo. Precisamente Goikolea lembra que hai nove sentenzas máis neste tribunal debido a que a xustiza española se negou a investigar denuncias de torturas. O de Romano e outros cinco casos máis que estuda Estrasburgo tiveron o actual ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, como instrutor. 

Goikolea recuperou a imaxe de Romano após a súa detención. Con ela comeza o fío en que o detido lembra como lle poñen "electrodos cunha porra eléctrica nos xenitais, na parte superior da orella e detrás dos ouvidos". "Estou roto e empezan a ameazar con que a miña noiva e o meu irmán están de camiño e que lles van facer o dobre do que me fixeron a min". O fío segue recollendo os testemuños: "Os golpes continúan mentres me agarran entre algúns e empezan a dicir que detiveron a miña nai e que está de camiño ao pantano". "Din que lle están facendo 'o ascensor' na presa (o pantano), atada polos pés na auga (...). Séntanme nunha cadeira e un deles comunica que miña nai faleceu (...). Creo o da miña nai e decido autolesionarme mordéndome o pulso". 

Romano denunciou xudicialmente as torturas, mais o xulgado de instrución de Madrid arquivou a causa. Despois, presentou recurso na Audiencia de Madrid e no Tribunal Constitucional. Foron tamén arquivados. 

Goikoalea denuncia ademais que o xuíz Guillermo Ruiz Polanco non deu veracidade á denuncia de Romano e que Fernando Grande-Marlaska non admitiu as fotografías que amosaban as torturas físicas sobre Romano. 

Comentarios