Estes son os independentistas espiados co programa israelí 'Pegasus'

Segundo unha investigación de Citizen Lab a espionaxe afectou os catro últimos presidents da Generalitat, incluíndo o actual, Pere Aragonès, así como diferentes persoeiros da sociedade civil.
Os tres últimos presidents da Generalitat antes da chegada de Pere Aragonés; Quim Torra, Carles Puigdemont e Artur Mas, nun acto decorrido en 2020. (Foto Glòria Sánchez / Europa Press)
photo_camera Os tres últimos presidents da Generalitat antes da chegada de Pere Aragonès; Quim Torra, Carles Puigdemont e Artur Mas, nun acto decorrido en 2020. (Foto Glòria Sánchez / Europa Press)

O semanario The New Yorker publicou esta segunda feira unha extensa reportaxe na primeira páxina titulada 'Como espían as democracias os seus cidadáns', centrada nos usos que varios estados fan do software israelí Pegasus. Segundo este informe, catro presidentes da Generalitat, entre eles o actual, Pere Aragonès, foron espiados con Pegasus. Os outros son Quim Torra, Artur Mas e Carles Puigdemont.

A reportaxe lembra que o president Puigdemont é membro da comisión do Parlamento europeo que investiga Pegasus e que se reunirá por primeira vez esta terza feira. O informe comeza explicando como se 'infectou' o teléfono do eurodeputado de ERC Jordi Solé, unhas semanas antes de que substituíse Oriol Junqueras como eurodeputado en xuño de 2020. Daquela, e baseándose na investigación do Citizen Lab de Toronto, a revista explica que máis de sesenta políticos e activistas independentistas foron espiados con Pegasus e que este é o grupo máis numeroso de persoas que se sabe que sufriu tal intrusión.

Tanto os políticos cataláns como Citizen Lab están convencidos de que a espionaxe foi obra do Goberno español. Pegasus é un software que só se vende aos gobernos. Neste momento hai silencio do Goberno, mais xa hai organizacións como Amnistía Internacional reclamando explicacións. A noticia provocou reaccións inmediatas de indignación e a convocatoria dun acto para esta terza feira na sede do Parlamento europeo onde estarán representadas todas as persoas espiadas nesta campaña masiva.

O artigo tamén indica que o avogado Gonzalo Boyé foi obxecto de espionaxe e que está a preparar unha demanda internacional en nome de dezanove dos espiados de forma ilegal. Outra persoa afectada polo software espía é Joan Matamala, irmán de Jami Matamala, unha das persoas máis próximas ao president Puigdemont no exilio. Segundo Citizen Lab, en febreiro de 2021 o ordenador de Matamala tiña unha infección activa mediante un programa espía chamado Devils' Tongue, desenvolvido por Candiru, unha empresa tamén israelí, e fundado por antigos traballadores da NSO, propietarios de Pegasus.

Do mesmo modo, segundo Citizen Lab, todos os eurodeputados independentistas foron espiados empregando o método de infectar os dispositivos destas persoas arredor das persoas destinatarias. No caso de Puigdemont, Joan Matamala, e tamén a propia muller do president, a xornalista Marcela Topor, e o director da Presidencia, Josep Lluís Alay. Tamén foron espiados Clara Ponsatí, Toni Comín, Diana Riba e Jordi Solé, citados tamén ao comezo do artigo de The New Yorker, así como un dos asistentes de Ponsatí.

Alén dos catro presidents da Generalitat espiados na lista hai dous presidentes do Parlament de Catalunya, Roger Torrent e Laura Borràs. E dirixentes de todos os partidos independentistas: Elsa Artadi, Josep Rius e Albert Batet, de Junts; Sergi Sabrià, Meritxell Serret e Oriol Sagrera, de ERC; Carles Riera, Albert Botran, David Fernàndez e Anna Gabriel, da CUP; David Bonvehí e Ferran Bel, do PDeCat, e Marta Pascal, do PNC, entre moitos outros. O líder da esquerda abertzale Arnaldo Otegi tamén foi vítima da espionaxe.

A sociedade civil, no punto de mira

Hai un número moi importante de nomes de persoas espiadas vencelladas á sociedade civil. Por exemplo, a presidenta da ANC, Elisenda Paluzie, e o expresidente da ANC e actual líder de Junts, Jordi Sànchez, probabelmente os primeiros en ter unha intromisión no seu dispositivo móbil, xusto despois da gran mobilización do Diada de 2015. En Òmnium tamén foron vítimas con intensidade desta espionaxe, artellada arredor da figura de Jordi Cuixart, dos seus colaboradores e dos seus contactos máis estreitos. É o caso do ex vicepresidente de Òmnium, Marcel Mauri, unha das persoas que máis mensaxes recibiu no seu teléfono móbil con ligazóns que abrían a porta a software malicioso.

Mais tamén a xornalista Txell Bonet, parella de Cuixart. Tamén membros da directiva de Ómnium como Jordi Bosch e Elena Jiménez. Empresarios como Elies Campo, antigo empregado de WhatsApp que asesorou a empresa Vocdoni, que contratou Òmnium para robustecer o seu sistema de elección interna, foron mesmo vítimas da espionaxe.

E hai avogados entre as vítimas de espionaxe, coa gravidade que isto implica de acceder non só á súa información persoal, senón á de todos os seus clientes, absolutamente todos. É o caso de Andreu van den Eynde, avogado de ERC e de Oriol Junqueras no xuízo contra o procès; Gonzalo Boye, avogado de Puigdemont, Comín, Ponsatí e Lluís Puig; a do ex presidente do Parlamento Josep Costa, que tamén formou parte do equipo xurídico do president Puigdemont; a de Jaume Alonso-Cuevillas, e a doutro destacado avogado de líderes independentistas que fica no anonimato.

Aliás, segundo unha investigación do xornal El País difundida en 2019, tamén foron obxecto da espionaxe o concelleiro de ERC en Barcelona Ernest Maragall, o activista da ANC Jordi Domingo ou o director técnico do Consell da República, Sergi Miquel Gutiérrez.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en INTERNACIONAL
comentarios