Esténdense por Italia as protestas contra o toque de recoller e as restricións pola Covid

As principais cidades do norte, Milán e Turín, súmanse ás tensas manifestacións da fin de semana en Nápoles, no sur.
EuropaPress_3398771_26_october_2020_italy_milan_people_gather_in_the_center_of_turin_to_protest
photo_camera Policía e manifestantes na protesta que se desenvolveu en Turín (Claudio Furlan / LaPresse)

Miles de persoas volvéronse manifestar nas últimas horas en Italia contra as restricións anunciadas o domingo para frear a segunda vaga da Covid-19 no país transalpino, unhas protestas que acabaron con enfrontamentos entre manifestantes e policías en varias grandes cidades.

A clausura de cines, teatros e ximnasios e os horarios reducidos para bares e restaurantes, que deberán fechar a partir das 18 horas, acentuaron o malestar nun país que aplicou un estrito confinamento de dous meses na primavera e que este ano sufrirá a peor recesión económica desde a Segunda Guerra Mundial.

Taxistas, comerciantes e traballadores dos sectores máis golpeados están a saír á rúa para se manifestaren pacificamente contra o Executivo de Giuseppe Conte, e despois das tensas manifestacións da fin de semana en Nápoles, as protestas repetíronse na madrugada da segunda á terza feira tamén no norte, nas dúas grandes cidades de Milán e Turín.

En Milán, capital da rica rexión da Lombardía, onde hai o maior número de contaxios, varios centos de manifestantes se enfrontaron coas forzas de seguridade. Houbo incendios de contedores de lixo, ataques contra tranvías e escaparates de comercios rotos, segundo recolleu a televisión italiana. Os manifestantes tamén lanzaron botellas de vidro, bengalas e cócteis molotov aos axentes antidisturbios, que responderon con gases lacrimóxenos.

Incidentes similares reproducíronse en Turín, centro cultural e de negocios do norte de Italia, capital da rexión do Piemonte, onde a Policía detivo algúns manifestantes. E en Nápoles, a principal cidade do sur de Italia, varios miles de persoas pediron a dimisión do presidente da rexión de Campania nunha protesta en que se produciron enfrontamentos esporádicos entre mozos encapuchados e Policía.

O Goberno de Giuseppe Conte prevé un paquete de axudas para as actividades máis golpeadas polo novo decreto. Segundo a cadea pública RAI, estas desembolsaranse de forma automática antes da metade de novembro e variarán en función da actividade, sendo máis cuantiosas para aqueles estabelecementos obrigados a fechar definitivamente.

Novo récord de contaxios

Italia rexistrou nas últimas 24 horas un novo récord de contaxios de coronavirus, con case 22.000 máis, de entre os máis de 174.000 test realizados, case 50.000 máis que a véspera. Segundo informou esta taerza feira, 27 de outubro, o director de Prevención do Ministerio de Saúde, Gianni Rezza, detectáronse 21.994 positivos e houbo 221 decesos. En total, a epidemia deixa 564.778 contaxios e 37.700 vítimas mortais.

Comentarios