Os estatutos do PP permiten que unha opción 'perdedora' o 5X se faga coa presidencia do partido

Ser a segunda candidatura máis votada pola militancia e gañar o congreso

A votación da militancia -axendada para o 5 de xullo- só sería decisiva en tres supostos: que a candidatura máis votada supere 50 por cento dos sufraxios, que distancie en no mínimo 15 pontos a segunda máis apoiada ou que se impoña na metade das circunscricións. En calquera outro suposto, a decisión final correspondería ás 2.612 compromisarias que asistirán ao Congreso en Madrid os días 20 e 21 de xullo.

Candidatos PP Congreso
photo_camera Candidatos do PP ao Congreso: De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Pablo Casado, Soraya Sáenz de Santamaría, María Dolores Cospedal, Elio Cabanes, José Manuel García Margallo, José Ramón García Hernández e José Luis Bayo.

Os estatutos do PP permiten na práctica que unha candidatura non gañadora na primeira volta -na que ten dereito de voto toda a afiliación- se faga finalmente coa presidencia do PP se acaba sumando o voto de máis compromisarias na segunda rolda, a definitiva. Politicamente, porén, a dirección do PP tería certas dificuldades en o explicar, tendo en conta a súa retórica de sempre a favor de que gobernen as listas máis votadas.

Ese suposto, en todo caso, só sería defendíbel en termos políticos se na votación do 5X a diferenza entre as dúas candidaturas máis votadas é axustada. De acordo co regulamento do Congreso, á segunda volta pasan as dúas aspirantes con máis sufraxios (salvo que algunha delas obtivese unha vantaxe suficiente para ser proclamada gañadora). Podería darse entón perfeitamente a circunstancia de que a terceira candidatura máis votada pedise o apoio para a segunda -e non para a primeira- na segunda e definitiva volta do congreso (a votación das compromisarias o día 21X). Dito doutro xeito, o terceiro en discordia podería desequilibrar a balanza, presumibelmente en troca de negociar parcelas de poder con aquel ou aquela a quen apoiar.

Os estatutos do PP permiten que a segunda candidatura máis respaldada pola militancia acabe gañando o congreso se obtén máis apoios entre as compromisarias na votación final do Congreso

A impresión do aparato do PP é que a chave está nos apoios que poda obter Pablo Casado, o dirixente que obtivo máis avais, e na xestión que poda facer deses respaldos. De estirpe aznarista, ten ao seu carón as mocidades do partido -foi un dos xefes de Novas Xeracións- e os cadros que non chegan aos 40 anos. Vende renovación xeracional e un discurso primario que abala entre o españolismo descarnado -quere representar a "España dos balcóns" que se levantou contra o independentismo catalán- e un neoliberalismo sen complexos a ollos do cal Cristóbal Montoro é un perigoso socialdemócrata.

A baza de Casado -que ten un serio hándicap nas pesquisas xudicias que se sustancian contra el polas irregularidades do seu máster- é apresentarse como a terceira vía e como o dirixente que evite o esgazamento entre os sectores partidarios de Soraya Sáenz de Santamaría e María Dolores de Cospedal. No caso de dar a relativa surpresa e superar o corte do 5X, Casado podería gañar o 21X tanto se na primeira volta é o máis votado como se é o segundo con máis apoios. Nese caso, agardaría obter o respaldo da terceira candidatura, sorayista ou cospedalista: nese cenario, os votos non serían tanto a el como contra a súa rival.

Soraya e Cospedal

Conscientes do perigo Casado, nas últimas horas as equipas de Soraya e Cospedal esforzáronse en transmitir a consigna aos seus respectivos meios amigos de que se ten producido unha certa distensión entre elas. A desdramatización do choque de trens élles vital para evitar que a militancia deite o seu ollar nunha opción alternativa que poda suturar as feridas internas.

A estratexia Soraya pasa por proxectar a imaxe dunha dirixente con experiencia no poder e inmune á corrupción. Ao seu favor ten o apoio da maior parte do grupo parlamentar -na súa escolla tivo máis que ver o goberno do que o partido. Por súa parte, a estratexia Cospedal é unha especie de negativo da despregada pola súa eterna rival: tentará poñer en valor a súa maior identificación orgánica co PP -Soraya aos ollos do aparato é unha advenediza- e, subliminalmente, o seu sacrificio en termos de erosión do seu capital político cando se puxo a defender o indefendíbel -cando por exemplo afirmou que Bárcenas cobrara unha indemnización en diferido.

E o PPdeG?

En número de persoas afiliadas, o PPdeG é a terceira organización do partido conservador no conxunto do estado. Isto outórgalle 279 compromisarias no Congreso, por volta de 10 por cento (o dobro do que Galiza representa en populación no estado). Son votos que poden acabar resolvendo o xogo para un lado ou para outro. Cospedal é sen dúbida a primeira opción de Feixóo -que tampouco vería con maos ollos un partido dirixido por Pablo Casado-, mais se algo caracteriza o inquilino de Monte Pío é o seu pragmatismo. Feixóo acaba de comprobar que ningún dos seus supostos aliados elevou a voz en público para pedir que apresentase a súa candidatura, así que el tampouco se pronuncia a priori por ninguén. Agardará, como xa anunciou, o veredito do 5X. Isto significa que se a afiliación se decantar claramente pola súa arqui-inimiga Soraya Sáenz de Santamaría Feixóo non dubidaría en pedir o voto para ela na votación final.

Comentarios