Dolors Sabater: "Estamos preparadas para encargarnos do Departamento de Interior"

Dolors Sabater (1960) é a candidata á Presidencia de Catalunya pola CUP-Guanyem nas eleccións do 14-F. A ex alcaldesa de Badalona preséntase coa idea de que a CUP xa está preparada para entrar no Govern da Generalitat e nesta entrevista explica as condicións desa entrada e o porqué do seu afastamento dos Comúns.
Dolors Sabater, (Foto: Albert Salamé / Vilaweb)
photo_camera Dolors Sabater, candidata á Presidencia da Generalitat pola CUP-Guanyem (Foto: Albert Salamé / Vilaweb)

En Badalona foron capaces de articular un Goberno alternativo, mais despois perdérono. Que leccións sacaron disto?

A reflexión que fixemos en Badalona é que non valoramos suficiente a capacidade destrutiva que podía ter o PSC. Apoiáranos para botar Albiol (alcalde nese concello polo PP), pero non soubemos ver que os seus intereses electoralistas pasarían por enriba de todo. Aprendizaxe feita.

Quere a CUP estar no Govern?

Estamos preparadas para entrar no Govern. Estamos en disposición de asumir responsabilidades, pero non o faremos para soster un Goberno que continúe facendo o que fixo este. Non hai saída se non hai unha forza potente que obrigue a cambiar o rumbo daquilo que se fixo estes tres anos. E isto poderémolo achegar nós se temos moita representación. Se non, volveremos ter tres anos de seguidismo neoliberal e de non avanzar.

A nosa perspectiva é promover este cambio que necesita o país para avanzar cara á autodeterminación e a independencia, para mudar as regras do xogo no campo social. A CUP quere ser decisiva e asumir responsabilidades, pero depende con que condicións.

Laura Borràs é un impedimento para entrar no Govern?

O único impedimento que temos claro é o señor Illa. Dixémolo explicitamente, e pedimos tanto a Comúns como Esquerra que tamén o digan. A única alternativa a un Goberno independentista é un Goberno do 155. Sería moi doloroso para o país. Eis a liña vermella que deixamos clara antes de empezar. Polo resto, por respecto aos votantes, ás propostas de Gobernos, á nosa organización asemblearia... non pomos máis condicionantes. Nós non permitiremos que goberne Illa.

Pero no Govern non sería conselleira de Interior?

Depende. De o proxecto político que se asuma permitir facer unha transformación fonda do sistema policial e de seguridade, e tanto! Estou preparadísima. Estamos preparadísimas para encargarnos do Departamento de Interior. 

Guanyem falaba hai tempo dun Goberno de fronte ampla. Inclúe os Comúns?

O soberanismo rupturista, si. Pero os Comúns non están aí. Situáronse no espazo de sostemento do réxime do 78. Saíron do rupturismo. Quen está nese espazo? Anticapitalistas (que apoia a CUP-Guanyem), comunistas e todo un espazo que forma parte do municipalismo transformador, situado no soberanismo rupturista. 

Á hora de presentarnos ás eleccións, ao final facémolo CUP e Guanyem, mais a idea, o horizonte, é que estes espazos amplos se continúen a traballar. E sobre todo tense que recuperar a rúa e a vitalidade do independentismo para a transformación social. O anticapitalismo ten como aliada a realidade. Fai abrir os ollos da xente. Co mesmo sistema non podemos continuar. Agora é o momento.

Comentarios