Estala a crispación en Cs ante a OPA dos populares

A presidenta de Cs, Inés Arrimadas, acusa compañeiros que marcharon da formación e líderes que aínda continúan, como Francisco Igea, de buscar cadeira sen importar o partido.
Inés Arrimadas recrimina Igea que estea en Cs pola "cadeiriña"
photo_camera Inés Arrimadas recrimina Igea que estea en Cs pola "cadeiriña". (Foto: Europa Press)

A presidenta de Ciudadanos, Inés Arrimadas, reprochou ao vicepresidente da Xunta de Castela e León e compañeiro seu de filas, Francisco Igea, por non descartar a posibilidade de unirse ao PP nun futuro. "El quere a súa cadeiriña e dálle igual que partido".

Así contestou Arrimadas ás declaracións de Igea en dúas entrevistas recentes, nas que dixo que a formación laranxa "perde xente de talento e militantes" -tras a fichaxe polo PP da xa ex portavoz de Cs no Parlament catalán e no Senado español, Lorena Roldán- e que o seu desexo é seguir en política e, se non pode facelo en Cs, contemplaría "todas as opcións". Sobre a posibilidade de acabar no PP, a súa resposta foi "nunca digas nunca xamais".

Arrimadas tamén quixo quitar ferro ás análises que apuntan a que o PP pretende realizar máis fichaxes de cargos de  Cs, en particular após os comicios cataláns, para así marxinar ou absorver a formación laranxa.

Yolanda Díaz urxe a efectuar o relevo de Illa

Arrimadas tamén se pronunciou sobre o ministro de Sanidade e candidato do PSC á Presidencia da Generalitat, Salvador Illa, criticando a súa intención de manter a carteira de Sanidade até que inicie a campaña electoral. A líder laranxa avoga xa polo relevo. 

E se na segunda feira, 4 de xaneiro, era o deputado de Unidas Podemos, Juan Uralde, que isto mesmo pedía desde a formación morada, esta terza pronunciouse nesa mesma liña a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

"Sería conveniente actuar con rapidez porque xa estamos en campaña.

Hoxe xa é campaña electoral en Catalunya, a pandemia require de toda a concentración, o ánimo, a intelixencia e a entrega. Eu xa estou en campaña electoral tamén, todos estamos en campaña", aseverou Díaz. 

Comentarios