Pompeo pide a Moscova que abandone Crimea

Trump acusa as presións e endurece a súa posición sobre Rusia

As presións exercidas desde o Partido Demócrata e sectores do republicano comezan a dar os seus froitos e Donald Trump, após a súa controvertida cimeira con Putin en Helsinki, inicia un recúo táctico.

pompeo
photo_camera O secretario de Estado dos EE.UU., Mike Pompeo, xunto co presidente Donald Trump.

Esta cuarta feira, o secretario de Estado dos Estados Unidos Mike Pompeo fixo un chamamento a Rusia para deixar sen efecto a anexión de Crimea. Antes da súa comparecencia perante o Comité de Relacións Exteriores do Senado, Pompeo reafirmou a posición dos Estados Unidos unha semana despois de Donald Trump se ter reunido co presidente ruso, Vladimir Putin.

“Os Estados Unidos piden a Rusia que respecte os principios que proclamou longamente ter adherido e finalice a súa ocupación de Crimea”, dixo o secretario de Estado. O Estado ruso levou a cabo esta anexión da península no ano 2014, en plena crise ucraína e a declaración unánime de independencia do Parlamento crimeano.

“A través destas accións, Rusia actuou dun xeito impropio dunha grande nación e escolleu isolarse da comunidade internacional”, afirmou o político estadounidense após solicitar a restauración da “integridade territorial” de Ucraína. Pompeo explicou que a modificación das fronteiras pola forza era un atentado contra os principios internacionais das nacións democráticas, e reafirmou a Declaración de Welles pola cal os Estados Unidos rexeita recoñecer as demandas do Kremlin sobre a soberanía de certos territorios.

Estas declaracións chegan días despois da cimeira entre o presidente Trump con Putin en Helsinki, cando o líder estadounidense foi reticente a criticar tanto a anexión de Crimea como a suposta interferencia rusa nas pasadas eleccións presidencias de 2016, cando el mesmo foi escollido xefe de Estado. Tamén nestas datas, o presidente estadounidense mantivo unha reunión co presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, na que finalmente se produciron certos avanzos no conflito arancelario  que vaticinaba unha guerra comercial entre a potencia norteamericana e a Unión Europea.

Comentarios