Estados dos EUA escúdanse no coronavirus para cancelar o acceso ao aborto

Tamén en Israel, asociacións de mulleres denunciaron a cancelación destes procedementos nos hospitais ao non seren considerados "urxentes".

aborto
photo_camera Dúas activistas estadounidenses en contra do aborto, nunha imaxe de arquivo (Nós Diario)

A pandemia da COVID-19 abriu nos últimos días un debate nos Estados Unidos sobre se as interrupcións cirúrxicas do embarazo son procedementos médicos esenciais nestes momentos. A división é clara no país norteamericano segundo un Estado está gobernado por republicanos ou demócratas.

O gobernador de Texas, Greg Abbott, anunciou na pasada fin de semana a prohibición da maioría das interrupcións ao embarazo durante o brote do coronavirus, asegurando que non son procedementos esenciais. Unha decisión que foi ratificada polo fiscal xeral deste Estado, Ken Paxton, a comezos de semana.

A norma prohibe "calquera tipo de aborto que non sexa medicamente necesario para preservar a vida ou saúde da nai". O seu incumprimento pode traer consigo multas de até 1.000 dólares ou 180 días en prisión.

A cuestión tamén xurdiu en Ohio, onde as clínicas de interrupción voluntaria do embarazo recibiron orde por carta do secretario de Xustiza estatal, Dave Yost, de cesaren todos os abortos cirúrxicos "non esenciais". Yost escribiu que os procedementos quebrantan a orde emitida o pasado 17 de marzo polo director de saúde estatal.

E o gobernador de Mississippi, Tate Reeves, advertiu a única clínica destas características que queda en todo o Estado que tomará medidas no caso de que se realicen abortos durante o tempo que dure a pandemia da COVID-19.

Os tres gobernadores, do Partido Republicano, alegan as carencias de material médico para defender estas medidas e presionan as clínicas para que doen o que teñen aos hospitais locais. Contrasta coa posición tomada polos gobernadores de Nova York, Washington e Nova Jersey, do Partido Demócrata, que consideran que o acceso ao aborto é un servizo esencial tamén durante a pandemia.

Estados israelí e español

Esta situación estase a dar noutros países do mundo. Nas últimas horas, asociacións de mulleres de Israel denunciaron que se están a tomar as mesmas medidas no seu país, onde se cancelaron todos os procedementos cirúrxicos que non son de urxencia. Entre estes últimos non se incluíu o aborto.

No caso español, onde o aborto a petición da muller está permitido até as 14 semanas de embarazo, as clínicas para abortar están a funcionar durante a corentena xa que se considera "un servizo non adiábel".

Comentarios