O Estado é sinalado como responsábel das mortes nos cárceres ecuatorianos

Os cárceres do Ecuador están a vivir unha crise de violencia desde que comezaron os recortes dos Gobernos de Lenin Moreno en 2017. O Executivo do presidente actual, Guillermo Lasso, acentuou aínda máis a rebaixa do orzamento para a xestión penitenciaria. Nesta situación, esta semana tivo lugar un novo motín no Centro de Rehabilitación Social de Santo Domingo dos Tsáchilas, que deixou un balance de 44 falecidos. Con estas, xa son máis de 400 as mortes nos centros penitenciarios ecuatorianos desde 2020.
Máis de 400 presos faleceron nos centros penitenciarios do Ecuador desde 2020 a causa das disputas entre bandas. (Foto:  Juan Diego Montenegro / dpa)
photo_camera Máis de 400 presos faleceron nos centros penitenciarios do Ecuador desde 2020 a causa das disputas entre bandas. (Foto: Juan Diego Montenegro / dpa)

Esta semana rexistrouse un novo motín carcerario no Ecuador. A situación tivo lugar nun centro de Santo Domingo dos Tsáchilas (centro-norte), que deixou 44 reos mortos. Con estes falecementos, son 64 os presos que perderon a vida este ano no país suramericano no medio de motíns. Unha cifra que se eleva a máis de 400 asasinados neste tipo de feitos desde o ano 2020. 

No medio da etapa máis forte da pandemia do coronavirus, en 2020, foron 46 os presos falecidos. O ano seguinte, en 2021, a cifra ascendeu a 316 —un incremento de 587% respecto ao ano anterior—, segundo un informe da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH).

Falta de control do Estado

Aínda que os motíns nos cárceres do Ecuador orixináronse por enfrontamentos entre bandas criminais, organismos de dereitos humanos fixeron fincapé no deterioro do sistema penal do país suramericano.

A CIDH, no seu informe publicado no pasado mes de marzo, identifica varias causas, entre elas: "A falta de control efectivo dos centros penais por parte do Estado", e en consecuencia, que "o control no interior vense exercendo por parte das propias persoas detidas"; a disputa polo control de pavillóns e centros penais no interior polas diferentes bandas; e a "insuficiencia de gardas de seguridade dedicados á vixilancia e control dos centros", así como a falta de equipo, formación e preparación dos propios gardas.

Só durante a administración do actual presidente do Ecuador, Guillermo Lasso, quen cumprirá o próximo 24 de maio un ano no Goberno, rexistráronse polo menos cinco matanzas dentro dos centros penitenciarios. 

O 28 de setembro de 2021 ocorreu o peor masacre carcerario do país nuns feitos que tiveron lugar no Centro de Privación de Liberdade Guayas (leste) Número 1, coñecido como Penitenciaría do Litoral, ocasionando a morte de 122 persoas.

Recortes de Lenin e Lasso

A CIDH cualifica a situación como "unha crise penal de carácter estrutural" e sinala que entre os factores que a xeraron está o "enfraquecemento das institucións" e a diminución orzamentaria desde 2017, cando gobernaba Lenin Moreno, do sistema penal.

En detalle, especifica que o orzamento foi de 153 millóns de dólares en 2017; 131 millóns en 2018; 90 en 2019; 88 en 2020 e 54 millóns de dólares en 2021. Outros factores desta crise, segundo o organismo, son a corrupción, a falta de rexistro adecuado dos reos, o amontoamento e "o uso excesivo da prisión preventiva" no Ecuador.

A alta comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, pronunciouse ante o ocorrido na prisión de Santo Domingo dos Tsáchilas. Bachelet declarou que esta matanza, parte dunha serie de masacres nos cárceres do Ecuador, mostra a urxencia da reforma do sistema de xustiza penal no país suramericano. Así mesmo, recalcou a responsabilidade do Estado ecuatoriano nas mortes nas prisións.

Causas do último motín

O Servizo Nacional de Atención Integral a Persoas Privadas de Liberdade do Ecuador informou que o motín desta semana ocorreu no pavillón de máxima seguridade da prisión de Santo Domingo dos Tsáchilas, onde os operativos das forzas de seguridade atoparon catro fusiles, tres pistolas, un revólver, catro granadas, 1.800 cartuchos de balas e tres cargadores.

De acordo co Goberno ecuatoriano, do mesmo modo que nos masacres anteriores, este motín tivo por causa unha disputa entre bandas polo control do centro penitenciario. O ministro do Interior, Patricio Carillo, detallou que a matanza "foi unha crueldade dunha banda criminal que perpetuou os mesmos feitos hai un mes en Azuay". En concreto, afirmou, presos dunha banda chamada 'Os Lobos' atacaron os doutra, os 'R7'.

Comentarios