Israel vota o seu novo Parlamento

O partido do actual premier, Benjamin Netanyahu, dispútase o executivo co laboralista Herzog. Como terceira forza aparece unha coligazón arabe-xudea.

Likud
photo_camera [Imaxes Opera Mundi]

Esta terza feira (17 de marzo) o eleitorado está chamado ás urnas no Estado de Israel. Após o adianto electoral convocado polo actual premier, Benjamin Netanyahu, @s votantes elixirán @s representantes do Knesset, o Parlamento. Porén, os últimos inquéritos publicados antes de se iniciar as votacións --non existe xornada de reflexión como na lexislación española-- apuntarían un posíbel empate técnico entre laboristas e a extrema dereita ultraortodoxa. 

Para configuraren goberno son precisos 61 escanos. Neste senso, segundo as informacións publciadas pola correspondente de Opera Mundi en Tel Aviv, Guila Flint, as dúas forzas maioritarias lideradas por Netanyaju (Likud) e o traballista Herzog, obterían xunto cos seus aliados naturais 54 e 57 escanos respectivamente. 

Perante esta realidade a chave podería tornarse a pequena forza Kulanu quen se prevé onbteña 9 parlamentares. Situada no centro-dereita ideoloxicamente, non fica moi claro a quen outorgaría o seu apoio nunha hipotética coligazón. O seu líder, Moshe Kahlon --explica Flint desde Tel Aviv, "non se comprometeu con ningún dos dous bloques, mantivo unha posición vaga a respeito do conflito" en Palestina e centrou a súa estratexia de campaña "na dimunución do custe de vida" en Israel. Aliás, "algúns analistas din que el sería un parceito 'natural' de Netanyahu pois é un disidente do Likud" mais outros apuntarían a unha enemistade entre o actual premier e Kahlon polo que podería apoiar @s laboristas. 

Sexa como for, o máis probábel é que os resultados deitados polas urnas esta terza feira non resolvan a incógnita. Neste senso, a lexislación israelita fixa o prazo dun mes para que a forza política que obtiver maior número de apoios negocie unha coligazón de goberno. 

Unha coligazón árabe-xudea de orientación socialista, terceira forza

O que si sinalan os inquéritos é á irrupción como terceira forza de 'Nosa resposta ao racismo', unha formación política que abrangue o Hadash --unha formación árabe-xudea de orientación socialista-- e tres forzas árabes máis, Balad, Ta'al e United Arab List. Esta coligazón obtería 12 escanos segundo as enquisas, xunto coa extrema-dereita de Lar Judeo que tamén conseguiría 12 paralentares. 

No seu programa electoral 'Nosa resposta ao racismo' sinala que a formación xorde como reacción "aos ataques e ás políticas racistas" expresadas nunha lexislación "antidemocrática" e "discriminatoria" israelita. Neste senso, as súas propostas políticas combinan a procura dunha resolución ao conflito en Palestina através da consecución dunha "paz xusta na rexión con base na resolución das Nacións Unidas"; coa defensa da xustiza social e os dereitos das mulleres. 

Porén, a causa palestina no centrou a campaña electoral. Ora ben, o líder do Likud, Benjamin Netanyahu afirmou após emitir o seu voto en declaracións aos medios de comunicación recollidas pola correspondente de Opera Mundi, que se gañar, no seu mandato impedirá a creación dun Estado palestino. Aliás, na última xornada de campaña Netanyahu visitou os asentamentos colonos nos territorios ocupados --construcións ilegais ao amparo do dereito internacional. 

Comentarios