O Estado de Israel intensificou a demolición de vivendas palestinas durante a pandemia

A lexislación israelí complica os trámites para a consecución de licenzas de obra por parte dos palestinos en Cisxordania, mentres que facilita a construción de máis vivendas nos asentamentos de colonos israelís, que o dereito internacional considera ilegais. Un mecanismo na procura de mudar a demografía nesa área de maioría árabe.
EuropaPress_3335005_22_september_2020_palestinian_territories_beit_awa_member_of_the_israeli (1) (1)
photo_camera Soldados israelís vixían a demolición dunha casa en Beit Awa, Cisxordania, o pasado 22 de setembro (Mosab Shawer / APA Images)

Só durante o pasado mes de agosto, o Estado de Israel demoleu ou expropiou 88 edificacións propiedade de cidadáns palestinos, todos, agás un, baixo a premisa de que carecían de licenza de obra, un permiso que é imposíbel de conseguir para os palestinos. Como resultado, un total de 202 persoas foron desaloxadas e desprazadas das súas vivendas, e arredor doutras 450 víronse afectadas. 

Son datos extraídos dun informe da Oficina das Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios do que se fai eco The Electronic Intifada, unha publicación dixital con sede en Chicago (EUA) dedicada á cobertura do conflito israelí-palestino. Segundo a información elaborada pola xornalista deste medio Tamara Nassar, desde o pasado mes de marzo, cando se rexistraron os primeiros casos da Covid-19 nos territorios ocupados de Cisxordania, as forzas israelís demoleron ou expropiaron case 400 edificacións palestinas. Isto é, case 65 por mes "a media máis alta en catro anos", o que equivale a arredor de 700 persoas desprazadas ─a maioría durante a pandemia─, a metade, menores. 

O incidente de maior envergadura produciuse o pasado 25 de agosto nunha comunidade beduíno-palestina de Ramala ─a capital administrativa de facto da Autoridade Nacional Palestina (ANP)─, onde nove edificacións, incluídas tres vivendas e cinco cortes, foron derrubadas: 24 persoas, entre estas 11 crianzas foron desaloxadas, e outras 13 viron o seu sustento de vida afectado. 

Negación de permisos

Desde hai máis de tres décadas, as autoridades israelís iniciaron unha política de rexeitamento dos permisos de construción de edificación presentados polos palestinos. En 2019, segundo datos oficiais, no Xerusalén ocupado demoléronse 140 casas. Na primeira metade de 2020, foron máis de cen.

O procedemento administrativo para conseguir unha licenza de obra pódese estender até oito anos, e o custo económico de obter toda a documentación necesaria anda polo equivalente a 50.000 euros. Ademais, as autoridades evitan aprobar plans xerais de ordenación urbanística para as veciñanzas palestinas.  Como resultado, os cidadáns palestinos vense na obriga de construíren as súas casas sen contar con licenza de obra, para tempo máis tarde recibir ordes de demolición sobre elas.

A situación é inversamente oposta para os colonos israelís. De acordo con datos da organización Peace Now ("Paz Xa", ONG israelí fundada en 1978 por reservistas do Exército de Israel que avoga pola solución dos dous Estados), as autoridades deron un total de 48.000 licenzas de obra nos asentamentos de Cisxordania entre os anos 1991 e 2018, por tan só 9.350 que foron concedidas aos cidadáns palestinos durante ese mesmo período de tempo.

Medran os asentamentos

O último informe anual sobre a economía en Palestina elaborado pola Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento (Unctad, as siglas en inglés polas que é máis coñecida) daba conta dun total de 150 asentamentos de colonos israelís e doutros 128 postos edificados sen contar coa cobertura da lexislación do Estado de Israel. Uns e outros son ilegais baixo o dereito internacional.

"En 2019, Israel demoleu ou expropiou 622 edificacións palestinas en Cisxordania, incluídos 127 edificios destinados á axuda humanitaria", pódese ler nese informe presentado e asinado polo secretario xeral da Unctad, o kenyano Mukhisa Kituyi. "En 2019 e a comezos de 2020, as forzas israelís aceleraron o ritmo de construción de asentamentos, a pesar de seren ilegais baixo o dereito internacional", engade o texto.

Outros casos de desaloxos prodúcense con base na lei israelí de propiedade do ausente, de 1950. Esta permite ás autoridades de Israel facerse coas terras e propiedades de refuxiados palestinos que fuxiron ou foron expulsados durante e despois da Nakba (termo para designar o éxodo palestino tras a Guerra árabe-israelí de 1948 que significa "desastre").

Baixo unha emenda introducida de 1970, Israel permitiu aos xudeus reclamar as propiedades de Xerusalén que abandonaron nese 1948, mais non concede ese mesmo dereito aos palestinos.

Comentarios