O Estado español suma 6.361 novos contaxios desde a sexta feira

O Reino Unido aconsella evitar toda viaxe non esencial a España, incluídas as Canarias e Balears
O Reino Unido reafirma a súa corentena ao Estado español (Imaxe: Óscar Cañas / EP)
photo_camera O Reino Unido reafirma a súa corentena ao Estado español (Imaxe: Óscar Cañas / EP)

O Ministerio de Sanidade español comunicou esta segunda feira, 27 de xullo, que no Estado existen 361 brotes activos de coronavirus e que nas últimas 24 horas se notificaron  855 novos casos de Covid-19, o que supón un lixeiro descenso fronte aos publicados a pasada sexta feira, cando se computaron 922 novos positivos. Desde  entón, 24 de xullo, até esta segunda feira, 27 de xullo, rexistráronse 6.361 persoas infectadas máis, 2.694 en Catalunya e 1.238 en Aragón.

O virus está circulando e "non podemos baixar a garda", dixo na súa comparecencia o  director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias, Fernando Simón. Con todo, sinalou que aínda non se pode falar "dunha segunda onda", aínda que informou que o "están a estudar". Simón tamén afirmou que "é mellor" que as e os cidadáns de Bélxica, cuxo Goberno recomenda non visitar España, "non veñan", porque é un "risco que nos quitan". Da mesma maneira pronunciouse a respecto da corentena de 14 días que impuxo o Reino Unido a todas as súas cidadás e cidadáns que estivesen en España. "Desde o punto de vista sanitario estas decisións axúdannos", recalcou Fernando Simón.

A este respecto cargou o Partido Popular, acusando o Executivo de Pedro Sánchez de buscar salvar da corentena británica as Illes Balears e as Canarias, e non outras comunidades como Andalucía. Non se poden procurar solucións "para unhas partes de España e non para outras", criticou o vice secretario de Comunicación do PP, Pablo Montesinos. 

10 días críticos

O president catalán Quim Torra alertou de que a situación en Catalunya é "crítica" e "moi preocupante" por mor dos rebrotes. "Estamos en demasiadas partes do país na antesala da situación previa a marzo, cando houbo que confinar toda a poboación. Atopámonos probabelmente ante os dez días máis importantes deste verán", advertiu apelando á responsabilidade das institucións e da cidadanía para evitar o aumento dos contaxios para non ter que "retroceder".

"Non quero que este país volva pasar por marzo ou abril. Non quero ter 7.000 mortes encima da mesa outra vez", exclamou Torra, que pediu "baixar o ritmo" e evitar as concentracións de persoas. Instou ademais  a manter a socialización reducida a grupos familiares e a garantir en todo momento as distancias de seguridade, a máscara e a hixiene das mans.

Comentarios