O Estado español prepárase para unha alarma desigual

O desconfinamento colle présa no Estado español. O Goberno anuncia o levantamento da corentena a turistas desde o 1 de xullo e Pedro Sánchez baralla que varias comunidades deixen a alarma. Manter o mando único e a centralización desgastou a relación co soberanismo e na dereita os apoios son escasos. 
O xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, nunha xuntanza coas Presidencias autonómicas (Imaxe: Moncloa)
photo_camera O xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, nunha xuntanza coas Presidencias autonómicas (Imaxe: Moncloa)

A pesar de que o presidente do Goberno español teña incidido na importancia de manter o estado de alarma até o final do confinamento, xa adiantou que desta situación de excepción xurdirán, de as "cousas saíren ben", moitas autonomías nos "vindeiros días". Con todo, ante unha posíbel sexta prórroga da alarma que suceda á actual, cuxa data de vencemento é o 7 de xuño, os movementos continúan.

Desde Esquerra Republicana xa deron na segunda feira, 25 de maio, por descartado negociar novos estados de alarma porque "o Goberno xa atopou socio: Ciudadanos". Iso si, a formación catalá asegurou que as vías de diálogo e negociación co Executivo fican abertas para prepararse ante rebrotes do virus con formas de actuar diferentes ao mando único español e para  tratar medidas económicas e sociais fronte a crise. 

"Temos que ver como evoluciona a situación", dixo na sgunda feira o BNG en canto á posibilidade aberta por Sánchez de levantar a alarma por territorios. Alertou ademais de que "sería unha temeridade" que o presidente da Xunta fixese en relación a esta cuestión "seguidismo do presidente do PP, Pablo Casado" en lugar de atender a "criterios obxectivos". O Bloque voltou a insistir en defender a mobilidade dentro da Galiza. 

Precisamente Pablo Casado instou tamén na segunda feiraos líderes territoriais do PSOE a "plantarse" ante o Goberno español polo acordo asinado con EH Bildu a semana pasada para derrogar a reforma laboral. Casado, na súa cruzada contra o confinamento, chegou a dicir que non sabía se "no 23-F houbera restricións como estas”.

Outra dereita que si está disposta a negociar unha nova alarma é a de Ciudadanos, que votou a favor de todas as prórrogas e que na segunda feira mesmo se volveu amosar disposta a negociar e apoiar a sexta extensión do estado de alarma. De facto, desde Cs chamaron o presidente Sánchez a mirar cara a eles e non para as forzas soberanistas, "que sempre están a exixir privilexios territoriais", dixo o voceiro laranxa Edmundo Bal. 

As turistas de fóra do Estado xa accederán sen corentena o 1 de xullo

As turistas que cheguen ao Estado español xa non terán que facer corentena a partir do próximo 1 de xullo, segundo anunciou esta segunda feira, 25 de maio, A Moncloa, logo dunha reunión interministerial para reactivar o sector turístico.

A ministra de Asuntos Exteriores, Arancha González Laya, asegurou que a decisión de pór fin á corentena "non é resultado de presións", preguntada pola existencia de intereses empresariais. O Goberno aprobara impor a corentena o pasado 15 de maio e "durante toda a vixencia do estado de alarma e as súas posíbeis prórrogas". Tamén até a fin da alarma permanecen fechadas as fronteiras cos membros da Unión Europea salvo para cidadás do Estado español residentes e traballadoras transfronteirizas. A decisión chega logo de que o executivo francés aconsellase non viaxar a España polas medidas deste Estado.  

Comentarios