A ONG desbota a oferta

O Estado español ofrece Algeciras para recibir o “Open Arms”

O presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, ordenou este domingo habilitar o porto de Algeciras (Cádiz) para recibir o barco “Open Arms”, onde viaxan máis dun cento de inmigrantes. A ONG rexeita a proposta ao advertir de que "é imposíbel nestas condicións".

ECGEBmhXUAAkArG
photo_camera [Imaxe: Óscar Camps] Inmigrantes no interior do barco.

O porto de Algeciras, en Cádiz, está a ser habilitado para acoller o barco “Open Arms”, que leva no interior máis dun cento de inmigrantes e que se atopa bloqueado desde hai días diante da illa italiana de Lampedusa.

O Goberno español en funcións informa nun comunicado de imprensa que adoptou a decisión pola “situación de emerxencia que se vive a bordo, tras dúas semanas de navegación”.

Afirma que a “inconcibíbel resposta das autoridades italianas” e as “dificultades expostas por outros países do Mediterráneo Central levan a España a liderar novamente a resposta a unha crise humanitaria”.

O Executivo de Sánchez sinala que a situación das persoas inmigrantes “causou desde o primeiro momento unha gran preocupación”. Porén, nunhas polémicas declaracións, o secretario de Organización do PSOE e ministro de Fomento en funcións, afirmaba lle molestan “os abandeirados da humanidade, que non teñen que tomar nunca unha decisión, os que cren que só eles salvan vidas, desde o ámbito privado”.

Após o ofrecemento do Goberno español, a ONG sinala que non pode aceptar a proposta por mor da "situación de emerxencia" na que se atopan os resgatados a bordo. "Despois de 26 días de misión, 17 de agarda con 134 persoas a bordo, unha resolución xudicial a favor e seis países dispostos a acoller, quere que naveguemos 950 millas, uns 5 días máis, a Algeciras, o porto máis afastado do Mediterráneo, cunha situación insostíbel a bordo?", sinalou o fundador da ONG en Twitter.

A desesperación no barco é tal que na mañá deste domingo lanzáronse á auga catro inmigrantes para tratar de chegar a Lampedusa, que se atopa a uns 700 metros de onde está o barco.

O Estado español, á cabeza en resgates

Segundo dados da Moncloa, o Estado español “é hoxe con gran diferenza o país da UE que máis resgates realiza no Mediterráneo”. Entre 2018 e 2019, os servizos de Salvamento Marítimo e da Garda Civil “recolleron e conduciron aos portos españois máis de 60.000 persoas”.

Comentarios