O Estado español, incapaz de achegar probas que demostren a malversación de Puigdemont

Segundo a fiscalía, o ex president tería desviado ilegalmente fundos públicos por valor de 1,6 millóns de euros para realizar o referendo. Esa acusación foi comprada polo xuíz Llarena para edificar o seu caso de malversación contra Puigdemont. Mais as probas que exixe Alemaña para proceder á entrega do político de Girona non aparecen por ningures.

Cristóbal Montoro. Foto: RTVE
photo_camera Cristóbal Montoro, desde o escano

O proceso de extradición de Puigdemont continúa avante. Desbotada a súa entrega por rebelión -a xustiza alemá non ve violencia no procés- fica pendente a hipotética causa por malversación. Mais aquí o Estado español está a se mostrar incapaz de achegar as probas que lle exixe o tribunal de Schleswig-Holstein para proceder a unha eventual posta de Puigdemont a disposición das autoridades españolas.

De acordo cunha información publicada polo Frankfurter Allgemeine Zeitung, o rotativo xermano de maior influencia, a xustiza española "non puido achar a factura das 10.000 caixas [urnas] producidas na China" e que foron utilizadas no referendo. A Fiscalía e o xuíz Llarena basean a súa acusación a Puigdemont no pretenso uso indebido de 1.602.001,57 euros. Mais non aparece ningún recibo, ningún albarán. Polo lado da política as autoridades xudiciais españolas non están a atopar moitos aliados na Moncloa. Do goberno español partiron declaracións, obviamente non premeditadas, que complican as cousas ao xuíz Llarena. O primeiro en restar credibilidade ao cargo de malversación foi Mariano Raxoi quen o pasado mes de febreiro afirmou no Congreso que "nen un só euro" do Fondo de Liquidez Autonómica foi parar ao financiamento do referendo. Por se isto non fose abondo esta segunda feira Cristóbal Montoro dixo nunha entrevista en El Mundo: "Non sei que diñeiro utilizaron [os soberanistas] para pagar as urnas chinesas do 1 de outubro, nen que apoio puido ter Puigdemont. Mais si sei que non se fixo con fundos públicos".

Pois se non se empregaron fundos públicos, non hai malversación, defenden os avogados de Puigdemont, argumento que previsibelmente terá moita forza perante o tribunal de Schleswig-Holstein. O que razoarán as autoridades españolas é que a cesión de locais da administración para a realización do referendo tamén é malversar. Porén, que non apareza constancia documental do gasto indebido de 1,6 millóns de euros debilita extraordinariamente a demanda española perante Alemaña.

Montoro non sabe de onde saíu o diñeiro para o pagamento das "urnas chinesas". Pois teno fácil: abonda con que lea Operació Urnes, libro escrito polos xornalistas Laia Vicens e Xavier Tedó, ao que se refere no seu artigo o Frankfurter Allgemeine Zeitung. No volume -produto de entrevistas a máis de 50 persoas que participaron nos preparativos do referendo- relátase como foi un cidadán catalán -identificado co pseudónimo Lluis- quen puxo 100.000 euros do seu peto para mercar as urnas a unha empresa francesa radicada en Guangzhou.

Operació Urnes desvela que as urnas chegarían ao porto de Marsella en xullo de 2017 nun navío porta-contentores. E que lles dixeron aos funcionarios da alfándega francesa? Que eran caixas para fabricar o castelo de plástico máis grande do mundo. O resto é historia: "Unha rede popular de miles de voluntarios conseguiu pasar de contrabando as urnas a Catalunya, agachadas, e levalas sen seren detectados a máis de 2.000 colexios eleitorais o 1 de outubro", escribe o Frankfurter Allgemeine Zeitung. 7 millóns de papeletas procedentes tamén de Franza completaron o operativo.

Nen un euro público. Teñen razón Raxoi e Montoro.

Comentarios