O Estado finaliza a evacuación de persoal colaborador e retírase de Afganistán

Xa non queda persoal diplomático nin militar en Kabul. O atentado desta quinta feira nas inmediacións do aeroporto da capital do Afganistán acelerou a saída de varios países.
Evacuación de cidadáns afgáns o 24 de agosto por parte do EUA (Foto: Sgt. Samuel Ruiz / U.S. Marine / Pla / DPA).
photo_camera Evacuación de cidadáns afgáns o 24 de agosto por parte do EUA (Foto: Sgt. Samuel Ruiz / U.S. Marine / Pla / DPA).

O Goberno estatal concluíu esta sexta feira a súa misión en Afganistán. O persoal que permanecía coordinando o operativo de retirada e evacuación de cooperantes españois, colaboradores afgáns e das súas familias xa se atopa en Dubai e está previsto que aterren esta tarde, contra as 16.45 horas na base aérea de Torrejón de Ardoz, segundo informaron fontes gobernamentais.

Os dous avións A400 procedentes de Kabul aterraron en Dubai arredor das 7 horas deste 27 de agosto. Nestes últimos voos viaxan 81 españois que aínda permanecían en Afganistán, persoal da embaixada e militares, ademais de catro militares portugueses e 85 colaboradores afgáns do Estado, Portugal e a OTAN.

Evacuación

O operativo do Goberno estatal conclúe a súa misión en Afganistán tras evacuar unhas 1.900 persoas, cooperantes afgáns e familiares, de España e doutros países, como Estados Unidos ou Portugal, da Unión Europea, da ONU, da OTAN e o persoal da embaixada en Cabul, informou o Goberno nun comunicado.

O regreso dos talibán a Kabul precipitou a saída masiva de cidadáns afgáns do país ademais de esperas esgotadoras nas inmediacións do aeroporto de Kabul de centos de familias que finalmente quedaron ás portas.

Dobre atentado

O atentado desta quinta feira con dúas bombas suicidas en Kabul, perto da terminal de capital afgá, acelerou a marcha de varios países dese territorio. Alemaña, Francia, Italia e Países Baixos, entre outros, suspenderon as evacuacións ante a falta de seguridade para iniciar a súa saída de Afganistán.

Segundo o último balance, o dobre atentado en Kabul, cuxa autoría apunta ao Estado Islámico Provincia Khorasan (ISIS-K), deixa polo menos 95 persoas mortas e outras 150 feridas.

Comentarios