O Estado español abandona Afganistán

O Estado español deu por rematada a súa presenza no Afganistán. Uns días despois da recomendación dos Estados Unidos aos seus parceiros da OTAN de abandonar o país e cando só transcorreron unhas horas do atentado de Kabul atribuído ao Estado Islámico, o Goberno de Sánchez fixo pública a súa decisión. 
Colaboradores afgáns dos países da OTAN na base madrileña de Torrejón. (Foto: Europa Press)
photo_camera Colaboradores afgáns dos países da OTAN na base madrileña de Torrejón. (Foto: Europa Press)

A primeira hora da mañá desta sexta feira, o Goberno do Estado deu conta da súa decisión de abandonar Afganistán

Segundo fixo saber nun comunicado de prensa o Ministerio de Defensa, na madrugada partiron do aeroporto de Kabul os dous últimos avións fretados polo Executivo español, que trasladaron a Madrid 85 colaboradores afgáns de diversos Estados da OTAN así como 81 cidadáns de nacionalidade española desprazados no país. Entre estes, destacaron militares de diversas unidades do Exército de terra e do aire español así como persoal adscrito ao corpo diplomático.

A saída destes dous voos do Afganistán puxo remate aos traballos de evacuación realizados nos últimos días polas autoridades españolas. Permitiron a saída do país de máis de 1.900 colaboradoras e colaboradores de nacionalidade afgá e de diferentes Estados da OTAN que participaron nos últimos 20 anos no conglomerado de ocupación do país. 

Neste sentido, o operativo español facilitou a marcha dun importante continxente de persoas que traballaron durante estas dúas décadas para as potencias ocupantes, así como de contratistas de compañías estranxeiras presentes no país. 

Afganistán dispón de importantes reservas minerais, fundamentalmente de litio, estando valorados os xacementos, chaves para a industria do automóbil, en catro billóns de dólares.

Aviso de atentado

A retirada española produciuse só uns días despois de que Estados Unidos reclamara aos seus socios o abandono do país e unhas horas após un duplo atentado nas proximidades do aeroporto de Kabul

A colocación de varios artefactos explosivos que provocaron a morte de máis de 90 persoas -acción atribuída á sección afgá do Estado Islámico, inimigos acérrimos do movemento talibán- produciuse despois de que as autoridades estadounidenses advertiran dun “inminente ataque terrorista en Kabul”, no marco da súa decisión de axilizar a retirada das forzas da OTAN do país.

O mandatario español Pedro Sánchez manifestouse satisfeito do labor desenvolto nas últimas semanas no Afganistán. “Foi un éxito de país”, afirmou Sánchez, quen sinalou que “o Goberno non se vai desentender daqueles afgáns que quedaron no seu país e non puideron ser evacuados durante estas intensas xornadas”. 

Nesta dirección, comprometeuse a buscar alternativas para facilitar o traslado ao Estado español daqueles “colaboradores que non puideron abandonar o país”. Interpelado sobre a folla de ruta a seguir nos próximos tempos destacou que “imos traballar sen pausa e de maneira discreta”.

“Un éxito” para Sánchez

Sánchez adiantou que acudirá na xornada de hoxe á base militar madrileña de Torrejón en compañía do xefe do Estado, Felipe VI, a recibir o continxente retornado do Afganistán. “Imos agradecer persoalmente a todo o operativo e a todos os servidores públicos o traballo que viñeron realizando”, recalcou Sánchez.

O presidente español aseverou, “fáiseme moi difícil de entender que se critique un operativo que foi cualificado como un éxito por parte da comunidade internacional, os aliados, a Unión Europea e a OTAN”.

A xestión gobernamental no Afganistán foi fortemente criticada desde as filas do Partido Popular (PP). Así, o seu voceiro no Senado, Javier Maroto, acusou o presidente do Executivo estatal de ficar “mudo” e lamentou a súa negativa de “non acudir ao Congreso”. 

“Non vin un exercicio de soberbia e covardía política como o de Sánchez”, continuou Maroto, quen salientou que “aínda temos que ouvir algunha ministra que di que damos vergoña allea”, en relación cunhas declaracións da responsábel de Defensa, Margarita Robles, contra o PP.

Pablo Casado tamén se amosou duro contra o Goberno de Sánchez. Nunhas declaracións difundidas polas súas redes sociais, chamou “a evitar que se exporte o terrorismo xihadista” e agradeceu o seu labor a aqueles que defenderon “a liberdade dos afgáns durante dúas décadas”. “As democracias occidentais debemos coordinar unha estratexia para evitar que se exporte o terrorismo xihadista”, concluíu Casado.

“A nosa misión era protexer os Estados Unidos, non Afganistán”

A marcha dos parceiros da OTAN do Afganistán veu precedida dunhas polémicas declaracións do secretario xeral da entidade. Así, o seu máximo responsábel, Jens Stoltenberg, nunha entrevista concedida ao xornal español El País, afirmou que “a nosa misión era protexer os Estados Unidos, non Afganistán, e conseguímolo”. 

Comentarios