O estado de dereito, atrapado nun ascensor

Dábase por feito, mais non é a primeira iniciativa recente da UE que necesita da unanimidade de todos os membros e é bloqueada por países como Hungría. Mais, finalmente, o fondo de recuperación foi ratificado. Restaban por facelo Austria e Polonia, cunha aprobación singular no caso polaco.
EuropaPress_3692029_viktor_orban_mateusz_morawiecki
photo_camera Orbán e Morawiecki, primeiros ministros húngaro e polaco (Foto: Filip Radwanski / Zuma)

Os Parlamentos nacionais de Austria e de Polonia aprobaron na noite da quinta feira o fondo de recuperación poscovid-19 da Unión Europea. Son os dous últimos Estados membros en o facer dos 27 que compoñen a día de hoxe o bloque comunitario. 

A ratificación por unanimidade era cumprida para poder recadar os 750.000 millóns previstos neste ambicioso plan económico que, non obstante, perde lustre á beira dos plans de infraestruturas e de ampliación da cobertura social anunciados polo presidente dos Estados Unidos nos últimos meses.

"Cos votos afirmativos dos Parlamentos austríaco e polaco, os 27 Estados membros finalizan o proceso de aprobación parlamentario", anunciou en Twitter o Comisario de Orzamentos, Johannes Hahn, en idénticos termos que o seu colega de Economía, Paolo Gentiloni, tamén nesta mesta plataforma. 

De acordo co manifestado con anterioridade polas autoridades comunitarias, o paquete económico, composto por préstamos e subvencións a fondo perdido (aproximadamente ao 50% cada partida), podería "comezar a fluír en xullo".

Ambiental e dixital

Será un ano despois de que, o 21 de xullo de 2020, o Consello Europeo ─os xefes de Estado e de Goberno─ dera luz verde aos chamados NextGenerationEU, o maior instrumento de estímulo económico xamais financiado pola UE. Unha desas decisións históricas que ─en principio─ van na liña dunha desas "dúas Europas" das que falaba onte na Tribuna de Nós Diario Manuel Veiga Taboada

España e Italia, seguidos por Francia, serán os Estados que recibirán máis fondos. A Comisión Europea ─o Executivo comunitario─ é e será o gardián de que se cumpran os criterios estabelecidos para o gasto deses fondos: isto significa, grosso modo, que polo menos 37% do orzamento de cada plan deberá ser destinado a cuestións ambientais e á loita contra o cambio climático; e outro 20%, a financiar a transición a un modelo económico dixital. 

Leit motiv, as cuestións ambiental e a dixital, da actual Comisión (2019-2024) que preside a alemá Ursula Von der Leyen e que agora ten até finais de xuño para revisar eses plans enviados polos Estados para a súa validación, á espera de que os remitan os nove que aínda non o fixeron. 

Os Gobernos estatais, tanto a nivel individual como a través da Presidencia de quenda do Consello da UE, que ostenta até o 31 de xuño Portugal, levan semanas facendo presión para que a Comisión acelere os prazos (lembremos: Comisión, Consello da UE e Parlamento conforman o chamado "triángulo institucional" da UE; co o Consello Europeo, a maiores, facendo de "líder espiritual" marcando o camiño con orientacións políticas).

Sistema de bloqueos

A atomización da UE é precisamente o que demora este tipo de decisións, que en Estados Unidos ─como co proceso de vacinación─ non requiren deste alambicado mecanismo de aprobación. O bloque comunitario, unha entidade protofederal, tamén está condicionada pola necesidade de unanimidade de todos os seus membros en determinadas decisións.

Por exemplo, Hungría vetou a semana pasada o Acordo de Cotonú, un pacto comercial e de desenvolvemento entre a UE e os países de África, do Caribe e do Pacífico, argumentando que atraería máis inmigrantes a Europa. Foi na mesma semana en que tamén vetou unha declaración conxunta da UE solicitando o cesamento da violencia en Gaza.  

E Hungría, canda a Polonia, xa bloqueou en 2020 durante meses a aprobación do orzamento comunitario e do fondo de recuperación durante a súa negociación no Consello Europeo, porque se pretendía vincular o desembolso económico ao respecto polo estado de dereito e os valores comunitarios. Finalmente, en decembro, o Consello cedeu ante a necesidade da unanimidade para seguir adiante. 

Polémico preámbulo

O respecto ao estado de dereito volveu estar enriba da mesa na ratificación polaca da noite da quinta feira. O Senado, tras o facer a Cámara baixa, aprobou o proxecto de lei que dá luz verde aos fondos NextGenerationEU sen incluír un preámbulo proposto pola bancada da oposición. 

Este estabelecía que o Executivo se debía comprometer a gastar os fondos "en base aos principios de xustiza, transparencia e estado de dereito", garantindo o respecto aos dereitos civís na concesión deste diñeiro. 

Antes da votación, o partido de Goberno, o dereitista Lei e Xustiza (PiS) e o portavoz do presidente, Andrzej Duda, cargaron contra a emenda e a oposición.

Finalmente a emenda non logrou a maioría necesaria: o resultado foi de empate a 49 logo de que, segundo recolleron os medios locais posteriormente, dous senadores da opositora Coalición Cívica supostamente quedaron atrapados nun ascensor e tiveron problemas de conexión durante a votación online.

EUA: O maior gasto público en 75 anos

O presidente estadounidense, o demócrata Joe Biden, presentou onte un orzamento de 6 billóns de dólares para o ano fiscal 2022, que levará o gasto federal ao seu nivel máis elevado desde a Segunda Guerra Mundial. A partida iría aumentando até alcanzar 8,2 billóns en 2031.

De acordo coa información adiantada por 'The New York Times', os expertos económicos da Casa Branca calculan que o déficit orzamentario superará nos vindeiros dez anos os 1,3 billóns de dólares.

Na véspera, a secretaria do Tesouro, Janet Yellen, pediu ao Congreso que aprobe este aumento do gasto público para axudar á recuperación do país. Fíxoo diante do Comité de Apropiacións da Cámara Baixa, que ten grande influencia sobre a confección do orzamento.

A isto hai que sumar o plan de rescate (1,9 billóns), o  Plan de Emprego Americano (2,25 billóns) e o Plan de Familias (1,8 billóns).

Comentarios