Esquerra Republicana gañaría as eleccións ao Parlament de Catalunya e Junts ficaría segundo

O 'non' á independencia gañaría ao 'si' por tan só dous puntos.
Oriol Junqueras (ERC) é o único líder que aproba, con 5,75 de nota. (Imaxe: Pau Venteo / EP)
photo_camera Oriol Junqueras (ERC) é o único líder que aproba, con 5,75 de nota. (Imaxe: Pau Venteo / EP)

De realizárense hoxe as eleccións ao Parlament catalán, as urnas darían o primeiro posto a Esquerra Republicana de Catalunya (ERC). Junts per Catalunya (JxCat), que ficara primeira baixo o liderado do ex president Carles Puigdemont nos anteriores comicios (2017), quedaría agora como segunda forza.

O PSC estaría na terceira posición mentres que Ciudadanos sería o partido máis danado, ao pasar de ser primeira forza a quedar no cuarto posto. 

Así o sinala o primeiro barómetro de 2020 do Centre d’Estudis d’Opinió, órgano dependente da Generalitat de Catalunya e encargado de realizar estudos sociolóxicos e de opinión. 

A  repartición de escanos sería a seguinte: entre 33 e 35 para ERC (actualmente ten 32), de 28 a 30 para JxCat (34 ten agora), 23 ou 24 quedarían para o PSC (ten 17),  entre 16 e 18 serían para Ciudadanos (caerían dos 36 actuais) e medraría En Comú-Podem até os 13-14 escanos (ten 8 agora). Tamén crecería até os 8 ou 9 a CUP (ten 4). Da caída de Ciudadanos pouco se beneficiaría o PP, que obtería 7 ou 8 actas fronte ás 4 actuais. Vox tería entre 0 e 2 escanos. 

En intención de voto habería un cambio nas posicións. ERC seguiría gañando, obtendo 22,1% dos votos, pero a segunda forza máis apoiada sería o Partido Socialista con 13,4%, seguido por JxCat, que quedaría con 10,2%. En Comú-Podem obtería 9,3%, a  CUP 6%, Cs obtería 3,4% e o PP 2,1%.

Ao comparar os datos co anterior barómetro de 2019, ERC baixaría, pasando de 24,3% de intención de voto a 22,1% e de entre 38-39 escanos a 33-35, mentres que o resto de partidos quedan estábeis ou mellorarían de maneira lixeira. 

De tocaren eleccións ao Congreso, ERC voltaría a ser a forza gañadora, (13 -14 actas). O PSC sería segundo (12), seguido de JxCat (7-8), En Comú (7), PP (3), CUP (3),  Vox (2) e Cs (1).

47,1% 'non' e 44,9% 'si'

O barómetro tamén pregunta pola independencia. 47,1% da poboación enquisada votaría en contra de que Catlaunya fose un estado independente en caso de referendo, mentres que 44,9% votaría a favor. 6,5% aínda non sabe que votaría e 1,6% non quixo responder esa pregunta. O electorado máis independentista é o de JxCat (94,1% votaría que si nun referendo), seguido do votante da  CUP, (93,4% ), ERC (78,1%) e En Comú (23,8).

O CEO entrevistou 2.000 persoas entre o 10 de febreiro e o 9 de marzo para realizar este barómetro.

Comentarios