venres 24.01.2020

Esquerra e PSOE constatan avances nas negociacións

Barcelona acolleu a terceira reunión oficial da comisión negociadora do PSOE e Esquerra Republicana de Catalunya de cara á investidura de Pedro Sánchez. Ambas as dúas forzas políticas recoñeceron que se están a producir avances na definición dos instrumentos necesarios para a resolución do conflito político en Catalunya. 
 
Reunión entre PSOE e ERC (EP)
Reunión entre PSOE e ERC (EP)

A comisión negociadora formada por ERC e PSOE para desbloquear a investidura da presidencia do Estado discorreu na mañá desta terza feira, 10 de decembro, e foi a primeira que se realizou en territorio catalán, aínda que o día anterior Barcelona xa acollera tamén unha xuntanza secreta de ambas as dúas forzas co obxectivo de preparar as bases da comisión negociadora.

A xuntanza finalizou cun breve comunicado conxunto subscrito por ERC, PSC e PSOE onde se recoñece a disposición das partes a abordar o conflito sobre o futuro de Catalunya desde o respecto e o recoñecemento institucional mutuo.
“Constatamos avances na definición dos instrumentos necesarios para canalizar o conflito político sobre o futuro de Catalunya, que desexamos abordar desde o respecto e o recoñecemento institucional mutuo”, reza o documento conxunto difundido polo Partido Socialista e Esquerra.

Así mesmo, o comunicado enfatiza que “durante a reunión se abordou a recuperación de dereitos sociais, civís e laborais, onde destacamos coincidencias notábeis”.

Precisamente a expresión “conflito sobre o futuro de Catalunya" é a mesma que se empregou na Declaración de Pedralbes de 20 de decembro de 2018, coa que concluíu o encontro entre os presidentes Pedro Sánchez e Quim Torra. Esta xuntanza dera pé a explorar a creación dunha mesa de partidos coordinada por unha relatora, mais acabou fracasando coincidindo coa negativa de ERC a apoiar os orzamentos xerais do Estado de 2019, as presións e manifestacións ultraespañolistas e a decisión de Pedro Sánchez de convocar comicios xerais. 

Tornar a Pedralbes, ousexa, a un diálogo en pé de igualdade entre o Goberno central e o catalán, así como a un debate sen cancelas e onde, por tanto, tamén se poida falar de autodeterminación, foi o que desde ERC e Junts se marcou como punto de partida para traballar nunha negociación para a investidura de Pedro Sánchez.

Ao contrario que no comunicado conxunto emitido após finalizar a segunda reunión negociadora, o pasado 3 de decembro, desta volta non aparece reflectida no novo texto ningunha data en que se volverán reunir as partes.

A xuntanza durou case dúas horas e media e discorreu desde as 10 da mañá na sede da Àrea Metropolitana de Barcelona. A comisión negociadora continuou con idéntica composición que nas dúas xuntanzas anteriores, participando polo PSOE o ministro de Fomento en funcións e secretario de Organización, José Luis Ábalos; a vicesecretaria xeral, Adriana Lastra, e o secretario de Organización do PSC, Salvador Illa. Por ERC asistiron o portavoz do grupo no Congreso, Gabriel Rufián; o presidente do Consell Nacional de Esquerra, Josep Maria Jové, e a secretaria xeral adxunta, Marta Vilalta. 

Non haberá investidura durante o Nadal

Após Esquerra conseguir nas anteriores xuntanzas que o PSOE mudase a súa postura de definición da situación en Catalunya “de problema de convivencia” e pasase a utilizar o termo “conflito político”, agora veñen de lograr que a formación de Pedro Sánchez se comprometa ao recoñecemento institucional mutuo. Así, os requisitos que o partido republicano puxera sobre a mesa e que fican aínda pendentes de consensuar son estabelecer un calendario para aplicar os instrumentos de resolución do conflito, marcando un principio e un final; así como definir unhas garantías de que isto se produza. 

As conversas continuarán, tal e como di o comunicado emitido, mais a republicana Marta Vilalta xa anunciou a segunda feira que dificilmente haberá unha investidura de Pedro Sánchez antes do Nadal, xa que en decembro se coñecerán resolucións xudiciais europeas que resolverán se Oriol Junqueras ten inmunidade ou non, se Bélxica acepta a euroorde emitida por España contra Carles Puigdemont, ou se Quim Torra é inhabilitado polos tribunais españoles por non retirar en tempo da fachada da Generalitat lazos amarelos durante a anterior campaña electoral. 

Por todos estes condicionantes que previsibelmente se resolverán ao longo deste mes, a republicana Marta Vilalta non ve posíbel nin factíbel poder chegar a un acordo de investidura antes de rematar decembro. Ademais, tanto Esquerra como o PSC realizarán cadanseus congresos nacionais antes de aninovo e actualizarán neles as súas estratexias. 

Junts retira unha moción para non prexudicar as negociacións

Coincidindo co desenvolvemento da reunión entre ERC e PSOE, a formación do president Quim Torra, Junts per Catalunya, retirou no día de onte no Parlament unha moción na que se avogaba polo dereito de autodeterminación e onde se consideraba que as garantías para a resolución do conflito político debían substanciarse na figura dunha mediadora internacional.

O grupo independentista anunciou que retiraba a moción porque a súa votación sería esta semana e o que desexan é “facilitar” a negociación sobre a investidura de Pedro Sánchez. Desde a bancada da CUP consideran que as negociacións que as outras forzas soberanistas están a levar adiante co PSOE pretenden "buscar estabilidade en institucións" á marxe da autodeterminación.

Así, a deputada no Parlament Maria Sirvent criticou a terza feira precisamente a decisión de Junts de retirar a súa moción sobre a autodeterminación por mor da cimeira da formación republicana co PSOE. "Calquera pacto que tente rebaixar a tensión, rebaixar o conflito, levaranos a unha situación absolutamente contraria", criticou Sirvent, e engadiu que é necesario mobilizarse para forzar unha mesa de mediación internacional sobre o dereito á autodeterminación.

comentarios