Esquerra republicana enviou na cuarta feira un correo electrónico á militancia para informala de que o partido realizará a vindeira segunda feira unha consulta ás bases sobre se avala ou non a investidura de Pedro Sánchez sen un acordo previo para crear unha mesa de negociación. Lembran ademais que a aritmética parlamentaria das urnas deixounos nunha posición «moi relevante».
A pregunta que formularán é: «Estas de acordo con rexeitar a investidura de Pedro Sánchez se previamente non hai un acordo para abordar o conflito político co Estado a través dunha mesa de negociación?».
Barcelona aproba converter a sede da Policía Nacional nun memorial
Barcelona aprobou no día de onte unha moción de ERC para que a sede da Xefatura da Policía Nacional, situada na Vía Laietana, pase a ser un memorial da represión franquista. A proposta contou co apoio de En Comú, PSC e Junts, frente o voto contrario de Cs, PP e o grupo de Valls.
Após realizarse a votación, a Policía Nacional afirmou que non entra nas súas previsións abandonar o edificio.
A proposta de Esquerra chega poucos días despois de que a Xefatura da Policía nesta rúa barcelonesa fose epicentro das protestas e de diversos incidentes debido á sentenza do procés contras as presas e presos independentistas.
Òmnium Cultural e representantes de medio cento de entidades que pulan pola memoria histórica apoiaron a iniciativa.
Con todo, esta proposta non é nova, xa que en xuño de 2017, durante o Goberno de Mariano Raxoi, o Congreso xa aprobara que a comisaría de Policía da Vía Laietana fose museo da memoria histórica cos votos de todos os grupos excepto o PP.
Torra reúnese con Puigdemont en Waterloo
Bélxica acolleu un encontro entre Quim Torra e o seu antecesor, Carles Puigdemont, cando faltan escasos días para que teña lugar no Congreso a sesión de investidura de Pedro Sánchez. Tratouse dunha reunión privada que cadrou no tempo coa xuntanza que mantiveron membros de ERC e JxCat no Parlament para explorar unha estratexia conxunta do independentismo neste contexto.