Máis de 5 millóns de persoas, chamadas a votar en Madrid

5.112.658 persoas están chamadas a votar e decidir quen gobernará os vindeiros dous anos.

Pablo Casado, Isabel Díaz Ayuso e José Luís Martínez-Almeida onte na presentación da candidatura do PP. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pablo Casado, Isabel Díaz Ayuso e José Luís Martínez-Almeida na presentación da candidatura do PP. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Perdida Catalunya para os partidos estatais, a Comunidade de Madrid é o seu obxectivo máis prezado tanto polo volume do seu orzamento (20.072 millóns de euros en 2019, o último aprobado) como pola súa influencia nun Estado pensado arredor da capital.

A proba disto é que en Madrid atópanse amais das institucións autonómicas: o Congreso, o Senado, a sede da Presidencia do Goberno e da monarquía, todos os Ministerios, o Tribunal Supremo, o Constitucional e o de Contas; as sedes da Policía e a Guardia Civil; o Instituto Cervantes; as sedes das empresas públicas....

As eleccións do 4 de maio foron convocadas o 10 de marzo despois das mocións de censura en Murcia polo suposto temor de Isabel Díaz Ayuso a que Ciudadanos repetira a mesma xogada en Madrid.

A convocatoria supón para o PP a oportunidade de absorber o electorado de Ciudadanos, que corre o risco de desaparecer da Asamblea se non acada o 5% dos votos, o mínimo esixido para entrar no hemiciclo.

Candidaturas

O PSOE candidata a Ángel Gabilondo, para o cal estas serán as súas terceiras eleccións dende o seu debut en 2015 co mesmo resultado de 4 anos despois: 37 deputadas.

A caída de voto do PP permitiulle gañar as eleccións de maio de 2019 con 7 escanos de vantaxe por riba de Ayuso, mais o pacto previsto entre dereita e extrema dereita levouno a tirar a toalla e ceder o protagonismo dende practicamente o día das eleccións á candidata do PP. Gabilondo afirma que entraría nun goberno de coalición con Ciudadanos e Más Madrid, mais non con Podemos.

Polo PP, Díaz Ayuso aspira a deixar a Ciudadanos sen representación e consolidarse nun goberno sostido por Vox; deixouno claro na presentación da súa candidatura, na que presentou ao actor Toni Cantó, “unha das persoas que proviñan de Ciudadanos e que non será a única” sentenciou Ayuso. Cantó comeza a súa cuarta etapa política despois de militar en Vecinos por Torrelodones, UPyD e Ciudadanos até hai dúas semanas. O fío principal da súa campaña é buscar polarizar a súa candidatura coa de Pablo Iglesias.

Ciudadanos foi a terceira forza nas pasadas eleccións, a pesar da vicepresidencia de Ignacio Aguado e a vicealcaldía de Begoña Villacís no concello, non foron capaces de evitar a onda expansiva da caída a nivel estatal, até o punto de verse Aguado forzado a renunciar a recuncar como candidato para frear a rebelión interna contra Inés Arrimadas.

Nestas eleccións presenta a Edmundo Bal, até o de agora voceiro adxunto de Ciudadanos no Congreso e deputado dende abril de 2019. Nas súas declaracións públicas apuntan a reeditar o acordo co PP.

Monica García, a candidata de Más Madrid busca impulsar unha coalición de centro-esquerda no caso de que Ayuso non acade maioría absoluta xunto con Cs e Vox. É deputada na Asemblea de Madrid dende 2015, primeiro por Podemos -onde chegou a presidir o grupo parlamentario- e dende 2019 pola candidatura impulsada por Íñigo Errejon, que obtivo 20 deputados. García convertiuse na voceira adxunta do grupo cando Errejón marchou ao Congreso.

García é médica na sanidade pública, dende a Asemblea criticou as políticas sanitarias de Ayuso, con especial énfase durante a pandemia, na que Madrid se converteu no foco principal.

O xa ex vicepresidente segundo do Goberno español, Pablo Iglesias, lanzou a súa candidatura cando as enquisas apuntaban que Podemos non chegar ía ao 5% mínimo, no seu lugar de nacemento e de onde proceden a maioría dos seus cadros políticos. No 2019 conseguiron superalo por só o 0.6% do voto, cando acadaron 7 escanos como última forza con representación na Asemblea de Madrid. Defende un goberno de coalición co PSOE e Más Madrid.

Comentarios