A esquerda independentista galesa constitúe o partido ‘Undod’ para aunar "soberanía e socialismo"

Quere sumar a loita pola soberanía de Gales coa “herdanza socialista” do país.

gales

A esquerda independentista de Gales (Cymru) vén de crear ‘Undod’ (Unidade) unha nova formación política que defende a “independencia radical” do país desde unha perspectiva socialista e anticapitalista. Presentouse a finais deste mes de xaneiro en Aberystwyth e nas vindeiras semanas haberá encontros e asembleas en diferentes comarcas do país galés.

No portal ‘Nation Cymru’ indican que Undod vén cubrir unha "lagoa no movemento independentista" sumándolle a "herdanza socialista" de Gales. A principal formación independentista en Gales, Plaid Cymru, é de centro-esquerda. Nas eleccións municipais de 2017 Plaid Cymru aumentou a representación (de 169 pasou a 202 concelleiros) e afianzouse como segunda forza en Gales.

Undod di que Gales precisa un cambio político radical. "Somos un movemento democrático e non xerárquico, republicano, creado para garantir a independencia de Gales e un mellor futuro para todas as persoas”.

Nos seus principios defende o antifascismo e o antiracismo, a solidariedade internacional e a defensa do medio ambiental, para alén de defender que “os medios de produción económica e os recursos naturais de Gales deben ser propiedade do pobo de Gales”.

Comentarios