A esquerda francesa anuncia unha moción de censura contra o Goberno

Macron vén de perder a maioría absoluta na Asemblea.
O candidato da Francia Insubmisa, Jean-Luc Mélenchon, reúnese hoxe co Partido Socialista para estudar unha fronte electoral de esquerda. (Foto: Alexis Sciard / Zuma Press / Contacto Photo)
photo_camera O candidato da Francia Insubmisa, Jean-Luc Mélenchon, reúnese hoxe co Partido Socialista para estudar unha fronte electoral de esquerda. (Foto: Alexis Sciard / Zuma Press / Contacto Photo)

Por primeira vez desde a mudanza constitucional a comezos do século, o presidente francés non contará con maioría absoluta na Asemblea Nacional para sacar adiante as súas iniciativas, nun escenario inédito, pola fragmentación, ao longo da V República.

Segundo os medios locais, a responsabilidade disto é de Jean-Luc Mélenchon, que aínda sen conseguir o seu obxectivo de contar con suficientes deputadas e deputados para forzar a súa designación como primeiro ministro, será o líder da oposición ao mandatario Emmanuel Macron neste período.

Ademais, os resultados obtidos polas forzas que conforman a Nova Unión Popular Ecoloxista e Social (Nupes), a Francia Insubmisa, os Verdes, o Partido Comunista e o Socialista, levounos a propor de xeito inmediato unha moción de censura en contra da primeira ministra Elisabeth Borne, que se fará efectiva unha vez comece a lexislatura o 28 de xuño. Ao tempo, producíronse as primeiras disensións desde a sinatura da coalición, ao negarse comunistas, socialistas e verdes a aceptar a proposición feita onte por Mélenchon de crear un grupo parlamentar unificado 
da Nupes.

Con todo, a coalición progresista non foi quen de alcanzar a vitoria en máis da metade das circunscricións onde tiña posibilidades, quedando con 142 asentos, por 246 de Xuntos, a alianza impulsada por Macron.

Tamén multiplicou os seus resultados a extrema dereita de Reagrupamento Nacional, que pasa de 8 a 89 deputados, o seu máximo histórico, aproveitándose da ruptura do cordón sanitario contra o fascismo por parte do actual mandatario, que se negou a apoiar os candidatos de Nupes en 55 das 62 demarcacións nas que competía coa forza de Marine Le Pen.

Pola súa banda, os conservadores dos Republicanos ficaron con 64 lexisladores, polo que xornais como Le Figaro apuntan cara a eles como os socios prioritarios de Macron para poder aprobar os proxectos presidenciais.

Nacións sen Estado

O maior éxito das candidaturas que superaron a primeira volta en representación das nacións sen Estado volveu recaer en Córsega, onde os soberanistas repiten os tres deputados (de catro posíbeis) que conseguiran nos anteriores comicios, dous de Femu A Corsica e un do Partido da Nación Corsa.
Tamén obtivo representación en Bretaña Paul Molac, que xunta os lexisladores corsos intégrase no grupo das Rexións e Pobos Solidarios. Os outros dous escanos obtidos por forzas soberanistas proveñen de Martinica e a Güiana.

Comentarios