Carles Campuzano

“A esquerda española é tan xacobina como a dereita”

O portavoz do Partit Demòcrata de Catalunya no Congreso dos Deputados abordou a semana pasada en Ferrol, convidado pola Sociedade Cultural Medúlio, a situación política no seu país, un territorio que vive nun momento anormal trala aplicación do artigo 155 por parte do Goberno español e a persecución que están a sufrir os líderes do Procés. Eis un extracto da entrevista, publicada no Sermos Galiza 280.

[Imaxe: X.F.] Carles Campuzano
photo_camera [Imaxe: X.F.] Carles Campuzano

4Como deputado no Congreso desde 1996, como explica o incremento dos apoios soberanistas nestas dúas décadas?

Ao meu ver, a orixe de todo está na idea de España que Aznar comeza a formular a finais dos 90 e principios do 2000 e que expulsa aos nacionalistas de participar nun proxecto común. Esa formulación parte da idea de que o éxito español nos tempos da globalización esixe un “hiper Madrid” que absorbe as enerxías de toda España –económicas, políticas, intelectuais, culturais, financeiras etc.- e, polo tanto, pretende baleirar o resto do territorio; que ten unha concepción do autogoberno non como recoñecemento da capacidade de de decidir políticas propias a un territorio en función das preferencias dos cidadáns dese territorio, senón de simple descentralización administrativa e que ten unha concepción de España en castelán que nega o carácter plural en termos lingüísticos e culturais. Esa idea –“hiper Madrid”, descentralización simplemente administrativa e España uninacional- bate co sentimento maioritario en Catalunya, dos independentistas e dos que non o son, dunha España na que o poder está repartido, na que o autogoberno está cheo de contido políticos, na que as preferencias políticas dos cidadáns queden reflectidas nas leis que se fan no Parlament sobre as políticas concretas que afectan á vida dos cidadáns e na que o Estado español é plural no lingüístico e no cultural e que por iso hai recoñecer e promover. Esta idea de España provocou un proceso de desconexión e de desafección que, ademais, vén acentuado tanto pola sentenza de 2010 do TC como pola crise económica e o esgotamento das propias institucións da Transición. Eu non son dos críticos coa Transición, pero o certo é que as institucións da Transición tiñan esgotado o seu ciclo vital. Esa treboada perfecta, xunto cos cambios xeracionais en Catalunya, explica a irrupción do soberanismo coa intensidade e a forza coa que o ten feito.

A empatía que mostraba Zapatero era real ou sabía que hai forzas máis poderosas no PSOE que ían impedir esa vía?

O Estatut de 2006 é o resultado directo dunha reacción catalá a esa proposta de Aznar que ten un apoio inicial de Zapatero pero que remata fracasando. E diría que fracasa antes mesmo da sentenza do TC de 2010 sobre o Estatut, entre outras cousas porque, sendo benevolente con Zapatero, se atopou só. O PSOE non o acompañou neste proceso. Como anécdota, deputados do PSOE naquela lexislatura contaban as súas dificultades, porque eles mesmos non estaban convencidos, de explicar nos seus territorios por que o PSOE apoiaba o Estatut. De feito, un dos recursos presentados ao Constitucional fora promovido polo Defensor del Pueblo cando a institución estaba dirixida por Enrique Múgica. Tamén é ilustrativa a frase de Zapatero cando se coñece a sentenza do TC: “Misión cumprida”. Zapatero e o Estatut xeraron unhas expectativas importantes na sociedade catalá para crear unha fórmula de acomodo de Catalunya en España que fracasaron, entre outras cousas polo escaso acompañamento da esquerda. A esquerda española tampouco discute ese modelo de España que imaxinou Aznar. O PSOE, e tamén Podemos, partillan a idea de que o contido do autogoberno ten máis a ver coa descentralización administrativa que coa repartición de poder político. A esquerda española é tan xacobina como a dereita.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 280 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios