Esquerda e dereita piden a remuda de Illa

Illa ignora as críticas dos partidos e reitera que seguirá como ministro até que comece a campaña do 14F

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciou hoxe en rolda de prensa a chegada da vacina da Covid-19. (Foto: R.Rubio / Pool / Europa Press)
photo_camera O ministro de Sanidade, Salvador Illa (Foto: R.Rubio. Pool / Europa Press)

O ministro español de Sanidade e candidato á Presidencia da Generalitat polo PSC, Salvador Illa, reiterou esta segunda feira, 4 de xaneiro, que permanecerá á fronte do departamento ministerial até o comezo da campaña das eleccións catalás, previstas para o próximo 14 de febreiro, e asegurou que traballará en "corpo e alma" no Ministerio até ese momento.

O ministro fixo estas declaracións logo de que Unidas Podemos, socio de coalición do PSOE no Goberno español, coincidise coas distintas peticións realizadas desde o PP, Vox e Ciudadanos para que Illa deixe o Ministerio de Sanidade após ser designado como candidato do PSC

As catro forzas consideran incompatíbel afrontar o novo reto que ten por diante coa xestión que require facer fronte á pandemia da Covid-19 en plena campaña de vacinación.

O deputado de Unidas Podemos na Cámara Baixa Juantxo López de Uralde sinalou que Illa debe abandonar o cargo tras anunciar a súa candidatura e non agardar a que se inicie a campaña de maneira oficial. "Nas circunstancias actuais, o ministro de Sanidade debe estar centrado na loita contra a pandemia", dixo. 

"Nas circunstancias actuais, o ministro de Sanidade debe estar centrado na loita contra a pandemia", dixo Uralde

O presidente do Partido Popular, Pablo Casado, respondeu aos medios cun 'si' ao ser preguntado se opinaba que Salvador Illa debía deixar o Ministerio. Previamente, o alcalde de Madrid e portavoz estatal do PP, José Luis Martínez-Almeida, tamén instou Illa a dimitir. 

Desde Ciudadanos, a súa presidenta, Inés Arrimadas, pediu ao ministro socialista que deixe o cargo se quere ser o candidato do PSC, argumentando que non pode ser ministro de Sanidade "a tempo parcial" mentres afronta unha terceira onda de contaxios.

Comentarios