Esperanza Casteleiro ocupará o posto de directora do CNI após ser cesada Esteban

A decisión de destituir Paz Esteban e nomear Esperanza Casteleiro foi tomada tras coñecerse que Marlaska tería sido espiado. Expertos en ciberseguridade afirmaron no Parlamento da UE que NSO Group coñece as identidades das persoas espiadas.
A até o de agora Secretaria de Estado, Esperanza Casteleiro, será a nova directora do Centro de Intelixencia do Estado español. (Fonte: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera A até o de agora Secretaria de Estado, Esperanza Casteleiro, será a nova directora do Centro de Intelixencia do Estado español. (Fonte: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

A até o de agora secretaria de Estado de Defensa, Esperanza Casteleiro, foi nomeada esta terza feira nova directora do Centro de Intelixencia español (CNI) en substitución de Paz Esteban, destituída como consecuencia do escándalo de espionaxe con Pegasus.

Casteleiro é unha persoa cunha longa traxectoria profesional no CNI, do que chegou a ser secretaria xeral, segundo lembrou esta terza feira a ministra de Defensa, Margarita Robles, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras que deu o visto e prace á substitución na cúpula de Intelixencia. Secretaria de Estado de Defensa desde xuño de 2020, goza da confianza de Robles, coa que chegou ao Ministerio de Defensa como directora de Gabinete.

Casteleiro ingresou no CNI no ano 1983, ocupando até 2018 diversos postos en unidades centrais e no despregamento exterior —en Cuba e Portugal—, sempre no ámbito da Intelixencia. O 28 de setembro de 2004 foi nomeada secretaria xeral do CNI, cargo que ostentou até xuño de 2008.

Entre 2008 e 2014 ocupou novos destinos en unidades de Intelixencia no exterior e desde 2014 até a súa chegada a Defensa ocupaba a xefatura da Unidade de Intelixencia do CNI no Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado.

Paz Esteban, destituída

O Goberno español acordou a destitución da directora do CNI, Paz Esteban, como consecuencia do caso Pegasus e tras 39 anos de traballo nos servizos de Intelixencia. Esteban era a principal sinalada tras destaparse o informe de Citizen Lab sobre unha presunta espionaxe a máis de 60 políticos soberanistas co programa israelita.

Ademais, o Goberno revelou a pasada semana que tamén foran extraídos datos mediante este programa dos teléfonos móbiles do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e da ministra de Defensa, Margarita Robles.

Espionaxe a Marlaska

O teléfono móbil de Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior do Goberno de España, tamén tería sido infectado co 'software' Pegasus en xuño de 2021. Segundo detallan fontes do Goberno de España, Marlaska entregou ao Centro Criptolóxico do Estado español, adscrito ao CNI, o único teléfono móbil que usa.

Trátase dun teléfono con medidas de seguridade reforzadas que lle entregou -como ao resto de membros do Goberno- o Departamento de Seguridade Nacional, dependente do Ministerio de Presidencia.

O ataque con Pegasus a Grande-Marlaska coincide no tempo co confirmado de forma oficial a Sánchez e Robles. A extracción de máis de 6 xigas de contido do teléfono móbil de Marlaska, produciuse entre o 7 e o 26 de xuño, coincidindo coas súas xestións pola crise pola entrada a Ceuta de miles de migrantes ante a pasividade de Marrocos, unha reunión co responsábel de Seguridade Nacional dos Estados Unidos de América e tamén coas súas declaracións a favor de "asumir riscos" nos indultos de representantes soberanistas con condenas polos sucesos do Procés català. 

No recoñecemento do seu teléfono móbil teríase usado un programa que se adquire á mesma empresa que Pegasus, NSO Group, e que serve para autoprotexerse dos ataques do propio programa da empresa israelita.

O fabricante de 'Pegasus' sabería quen foi espiado

Expertos en ciberseguridade sinalaron esta terza feira no Parlamento da Unión Europea que a empresa israelita de software NSO ten que ter coñecemento das persoas que foron obxectivo de espionaxe por parte do seu programa Pegasus, xa que algúns aspectos chave fanse a través do fabricante.

No marco da comisión de investigación do Parlamento da UE sobre o programa de espionaxe, que se vende a Estados, o experto polaco de ciberseguridade Adam Haertle explicou que a capacidade de infectar os dispositivos contrólaa o fabricante, polo que a empresa de software podería contar con información de posíbeis obxectivos de espionaxe. "A información sobre se un dispositivo está dispoñíbel para ser infectado faise co coñecemento de NSO, polo que debería saber cales son as vítimas", argumentou Haertle na comisión.

Comentarios