Clase alta e 'rojigualda': centos de persoas maniféstanse en barrios podentes de Madrid ignorando os requisitos do estado de alarma

Profusión de bandeiras españolas e berros de “liberdade” para reclamar a dimisión do Goberno estatal.

barrio salamanca madrid (@paseamosjuntos)
photo_camera (@paseamosjuntos)

Centos de persoas participaron outro día máis nas mobilizacións que se están a desenvolverse no barrio de Salamanca, en Madrid, unha das zonas de maiores rendas da cidade, nunhas protestas apoiadas e promovidas, entre outros, por Vox. 

Centos de persoas, entre 1.000 e 2.000 segundo a fonte que se consulte, que marcharon por rúas deste barrio opulento con abundancia de bandeiras españolas e berros de “liberdade” para pedir a dimisión do Goberno español.

Responsabilizan, no marco do discurso mediático e político da dereita, o Executivo estatal das miles de mortes polo coronavirus ao tempo que o acusan de 'cercenar' liberdades individuais e económicas.

Unhas mobilizacións, nas que tamén hai cazoladas, que se realizan sen cumprir nin respectar oos requisitos e medidas establecidas no estado de alarma e tendo en conta que Madrid está na Fase 0 do desconfinamento. Outras zonas podentes da capital do Estado, como Aravaca, tamén se sumaron a esta iniciativa.

As centos de persoas, agrupadas, marcharon pola rúa sen respectar o distanciamento social nin distancia de seguridade pola COVID-19. O domingo pasado axentes da policía española identificaron unha ducia de persoas que tomaban parte nestas protestas.

O Movemento Barrio de Salamanca “Núñez Balboa” chama nas redes sociais a repetir as mobilizacións todos os días ás 21:00 horas. Afirma que non ten ligazón con ningunha organización mais indica reiteradamente que “apoiamos as nosas forzas de seguridade e exército e aborrecemos toda inxerencia anti-española”.

Recentemente o Tribunal Constitucional prohibira unha caravana convocada pola CUT polo Primeiro de Maio apelando ao estado de alarma. 
 

Comentarios