HASSANNA AALIA

"Para España os intereses económicos con Marrocos están por riba dos dereitos humanos"

Conversamos co activista sahariano condenado a cadea perpetua por un tribunal militar marroquino.

DSC_0139
photo_camera Hassanna Aalia [Imaxe OR]

Hassanna Aalia está condenado a cadea perpetura. Após solicitar asilo político no Estado español, o goberno de Madrid denegoullo. No seu caso, o executivo de Mariano Rajoy priorizou os "intereses económicos" que o unen a Marrocos antes do que "os dereitos humanos", sinala Aalia en conversa con Sermos Galiza. Ao seu carón, na casa de xantar en que se produce a entrevista, un cadro coa imaxe de Castelao pendura da parede. Dúas persoas afastadas no tempo e no espazo mais que partillan unha historia semellante marcada polo exilio, a persecución política e a loita polo dereito de autodeterminación de cadanseus pobos.

Aproveitando a súa estadía en Galiza convidado por Galiza Nova e Sogaps, conversamos con el.

Como recibiches a nova de que o Estado español denega a túa solicitude e que argumentos dá o goberno para rexeitala?

O día 17 de xaneiro chamoume a policía de Donosti. Dixéronme que tiña que ir a comisaría o 19. Cando me personei alí entregáronme a denegación xunto coa saída obrigatoria do país. A denegación do asilo político componse de 19 páxinas nas que me recoñecen como activista e as torturas e maltratos que padecín acompañadas das probas que presentei. Porén, no documento o goberno español lexitima o tribunal militar que me xulgou en 2013. Aquel xuízo foi denunciado por organizacións internacionais como Amnistía Internacional, Human Watch Rights ou Robert Kennedy. Mesmo por organizacións de dereitos humanos marroquinas. Todas elas denunciaron que foi un xuízo ilegal, un xuízo farsa. Non entendemos que se lexitime o proceso, ademais, porque fun xulgado dúas veces polo mesmo feito, polo campamento Gdeim Izik.

"O goberno español lexitima o tribunal militar que me xulgou, embora ter sido denunciado por organizacións internacionais como un xuízo farsa"

Que te agarda de volveres ao Sáhara, se Marrocos te apreixa?
Pois... se volvo, para comezar agárdame unha cadea perpetua. Mais antes, agárdanme todo tipo de torturas. Cinco dos meus compañeiros xulgados por Gdeim Izik denunciaron ter sido violados sexualmente, con botellas de cristal. A algúns deles arrincáronlles as unllas nos interrogatorios. As prisións marroquinas son moi duras, tamén para as familias, pois teñen que viaxar centos de quilómetros para poderen visitar os presos políticos. Tamén os familiares padecen malos tratos á entrada da prisión cando van de visita.

Como se encaixa algo así?
Por todo o que vivín desde os 17 anos o meu carácter é moi tranquilo, mesmo en situacións moi duras teño un sorriso. Coido que por todo o que sufrín. Non vivín como outros mozos. Non puiden estudar, fun torturado e maltratado moitas veces. Estou tranquilo, neste momento tamén grazas ás mostras de solidariedade que estou a recibir dos pobos de todo o estado, de moitas organizacións e partidos. Iso anima e dá forza para continuar loitando.

Fálame do campamento Gdeim Izik, que aconteceu alí?
O pobo sahariano viviu durante anos e continúa a vivir baixo a ocupación marroquí. Estamos divididos. Dunha banda están os campamentos de refuxiados [no deserto de Alxeria] e doutra os territorios ocupados do Sáhara Occidental. Aliás existe un muro da vergoña. O pobo sahariano padece as consecuencias das políticas impostas por Marrocos, entre elas o roubo dos seus recursos naturais, para alén das torturas, vexacións, malos tratos... Gdeim Izik comezou porque o pobo sahariano que vive na zona ocupada estaba farto. Decidimos erguernos e facer algo que rachase tamén co bloqueo informativo que exerce Marrocos á fin de que o mundo coñeza a existencia do pobo sahariano e reclamarmos os nosos dereitos sociais e políticos.

"Estou tranquilo, neste momento tamén grazas ás mostras de solidariedade que estou a recibir"

Así iniciamos o campamento de Gdeim Izik o 10 de outubro de 2010. Para nós o campamento foi algo incríbel. Por vez primeira, na zona ocupada, conseguimos vivir en liberdade baixo as haimas que para nós supoñen un símbolo da cultura sahariana. Gdeim Izik foi importante para moitos pobos, supuxo o comezo da Primavera árabe como chegou a sinalar Noam Chomsky nunha entrevista. Foi un fito histórico co que enviamos unha mensaxe moi clara de que existimos e imos seguir na resistencia.

Como se produce o fin de Gdeim Izik?
O día 8 de novembro entraron os militares marroquinos dunha maneira brutal, violando un acordo de alto ao fogo existente entre a Frente Polisario e Marrocos. Usaron todo tipo de armas contra a poboación sahariana. No Aaiún atópase a misión das Nacións Unidas [Minurso] para vixiar o cumprimento dos dereitos humanos e do propio cesamento do fogo, mais ese día non fixo nada. Máis de 200 persoas foron levadas á Cadea Negra. Durante meses vivimos con medo, entraban no Aaiún para deter rapaces, torturábanos diante das súas familias ou á inversa. Lembro que o 9 de novembro de 2010 veu a policía á miña casa. Estiven agochado durante case dous meses. Un día decidín saír, é moi duro estar nun sitio do que non podes saír. Estás meténdote a ti propio nunha cadea. Prendéronme e pasei 3 días en xendarmería. Alí sufrín todo tipo de torturas. Presentáronme a un xuízo civil e condenáronme a 4 meses de cadea, sen execución. A partir de aí viaxei a diversos lugares. En outubro de 2011 marchei a Euskal Herria para pasar 3 meses. Cando decidín volver e continuar coa miña militancia e resistencia saíu a orde de búsqueda e captura. Decidín xunto coa miña familia e outros activistas quedar, pois dentro da cadea non ía poder facer nada. Desde aquela comecei a preparar a solicitude de asilo político e viaxei por todo o Estado español explicando a situación do pobo sahariano.

"España é responsábel do que estamos a vivir como pobo"

Como valoras a actitude do Estado español?
España é responsábel do que estamos a vivir como pobo. Continúa a ser a potencia administradora do territorio [segundo o Dereito Internacional] e non cumpre o que ten que cumprir. Iso débese a que España ten moitos intereses económicos con Marrocos e eses, neste mundo, están por riba dos dereitos humanos e dos pobos. De aí vén a denegación do meu asilo, embora o caso é moi claro. Mesmo ACNUR presentou un informe perante o Ministerio do Interior asegurando que teño dereito ao asilo político.

E a MINURSO?
Minurso está tomando o sol. É certo. Mellor dito, está a nos tomar o pelo. Non foron capaces de celebrar o referendo de autodeterminación e iso que as listaxes [censos] levan anos preparadas. Non están a facer nada, nen sequer vixía a Marrocos.

Cal é a perspectiva de futuro?
Existe unha situación crítica. Mocidade de ambos os dous lados [campamentos e territorio ocupado] están chamando á guerra. Están cansos de agardar e de vivir así. Iso preocúpanos. Tamén a Frente Polisario está chamando ás armas. Agardo que non volvamos á guerra e que a comunidade internacional, a ONU e España fagan o que teñan que facer para resolver o conflito no Sáhara.

Comentarios