España non prevé solicitar a metade dos fondos europeos

A celebrada 'solidariedade da Unión Europea' após o acordo alcanzado en xullo en que se aprobou un fondo de 750.000 millóns para a reconstrución tiña truco. E é que o Estado español, ao igual que outros, xa descarta pedir os 140.000 millóns que lle corresponderían, e conformarase, polo de agora, coa metade por medo á débeda. 
Pedro Sánchez conversando no congreso coa vicepresidenta económica Nadia Calviño (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez conversando no congreso coa vicepresidenta económica Nadia Calviño (Foto: Europa Press)

140.000 millóns de euros son os que recibiría o Estado español dos fondos europeos de reconstrución, segundo anunciara o presidente Pedro Sánchez após longas negociacións no seo da Unión Europea (UE). "É un grande acordo: logramos 140.000 millóns para España, 72.700 en transferencias”, dixo Sánchez desde Bruxelas ao finalizar o cumio de xullo en que se pactou un fondo total da UE de 750.000 millóns para toda a zona Euro. 

Mais a pesar das celebracións, polo de agora o Estado non contará cos 140.000 millóns, senón  máis ben coa metade. E é que na Moncloa descartan solicitar os aproximadamente 70.000 millóns que España lograría en transferencias, pois habería que devolvelos e xerarían débeda. Pola contra, si van solicitar os outros 70.000 millóns (correspondentes ás axudas a fondo perdido), segundo asegurou esta segunda feira, 19 de outubro, o rotativo español El País en base a fontes dos Ministerios de Economía. Así, na Moncloa xa non contemplarían optar no curto prazo á metade do fondo e para o exercicio 2021-2023 só se pedirían as transferencias que non se teñan que devolver. 

Con todo, eses préstamos que agora non se queren pódense solicitar até xullo de 2023, polo que o Goberno, segundo resalta o cabeceiro español, esperaría até entón a solicitalos se nese momento fosen aínda precisos.  

Portugal, Italia e Francia estudan así mesmo renunciar á parte dos fondos que se entregan con créditos para non xerar máis débeda. De facto, o primeiro ministro portugués, António Costa, xa anunciou que reclamará as axudas directas (as que non xeran débeda) pero só pedirá os créditos (que si a xeran) se é estritamente necesario. E é que a solidariedade da construción europea celebrada no mes de xullo cando se acordaron os fondos europeos xa pon en alerta os Estados. 

Tampouco desaparece o temor a que máis adiante, unha vez superada a emerxencia sanitaria, Bruxelas volva pedir aos Estado endebedados que apliquen novos recortes sociais. 

Comentarios