España empeora a previsión de caída do seu PIB en 11,2%

O Consello de Ministras e Ministros aprobou esta terza feira o límite de gasto non financeiro, aumentándoo en 53,7% a respecto do ano anterior, unha cifra "sen precedentes", chegando até os 196.097 millóns de euros, ao incluír os fondos europeos e dúas transferencias á Seguridade Social e ás comunidades. 
A vicepresidenta económica. Nadia Calviño, xunto á ministra de Facenda, María Jesús Montero (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta económica. Nadia Calviño, xunto á ministra de Facenda, María Jesús Montero (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)

O Goberno español actualizou á baixa as súas previsións do cadro macroeconómico, empeorando a estimación da caída do PIB, a cal cifra nunha redución de 11,2% no ano 2020 e un levantamento de 7,2% en 2021. 

O primeiro dato é máis duro que o previsto no pasado mes de maio polo Executivo español no Plan de Estabilidade, cando nel prognosticou ante a Unión Europea unha caída do PIB de 9,2%. Pola contra, a mellora do PIB para 2021 é máis positiva que en maio, xa que daquela ficaba en 8,8% (agora en 7,2%).

En canto ao déficit público, a previsión está en 11,3% para este ano, un dato superior ao 10,34% anunciado en maio, mentres que a taxa de referencia prevista para 2021 contempla un déficit de 7,7%, o que suporía unha redución de 3,6% nun ano.

A pasada semana, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, anunciou a suspensión das regras fiscais en 2020 e 2021, deixando así sen efecto a regra de gasto e os obxectivos de déficit e débeda para todas as Administracións públicas, polo que o Goberno non ten que aprobar unha nova senda de estabilidade orzamentaria.

Teito de gasto 

Así as cousas, o Consello de Ministras e Ministros aprobou nesta terza feira, 6 de outubro, o límite de gasto non financeiro, o coñecido como teito de gasto, do Orzamento do Estado para 2021, que aumenta 53,7%, até os 196.097 millóns de euros, incluíndo transferencias extraordinarias ás comunidades autónomas e á Seguridade Social e parte dos fondos europeos.

Trátase dunha "suba sen precedentes" do límite de gasto non financeiro, dixo na rolda de prensa a vicepresidenta económica do Goberno español, Nadia Calviño, sobre ese teito que marca o investimento dos diferentes Ministerios e que agora sobe fronte aos 127.609 millóns que estaban previstos para este ano antes de que chegase a pandemia, grazas en parte aos 140 millóns de euros que ao Estado español lle tocan no reparto dos fondos Covid-19 da Unión Europea. 

Montero sostén que os orzamentos chegarán ao Congreso en outubro

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, destacou que o límite de gasto é un paso "moi importante" para a elaboración dos Orzamentos Xerais do Estado de 2021, xa que hai unha necesidade "ineludíbel" de contar cunhas novas contas públicas para impulsar o crecemento, combater a desigualdade e facer realidade o lema de que "ninguén quede atrás", así como para canalizar os fondos europeos.

Así pois, con estes pasos previos do teito de gasto e o cadro macro, necesarios para as contas públicas, a ministra mantivo que o Goberno estatal presentará ao longo de outubro o proxecto de orzamentos, co obxectivo de que as contas sexan aprobadas a finais de decembro ou principios de xaneiro. Sobre a negociación entre o PSOE e Unidas Podemos, Montero confirmou que se está abordando unha revisión de beneficios fiscais.

Comentarios