España destinou 42 millóns para os sobresoldos da policía de 'Piolín'

O Goberno español aboou 42.140.600 euros en sobresoldos aos efectivos da policía española e da Garda Civil despregados na operación 'Copérnico' hai trres anos en Catalunya con motivo do 1 de outubro. 

A bordo deste barco estiveron aloxados efectivos policiais durante o outono de 2017 en Catalunya.
photo_camera A bordo deste barco estiveron aloxados efectivos policiais durante o outono de 2017 en Catalunya.

O Goberno español viuse obrigado a revelar os sobresoldos dos efectivos da policía española e da Garda Civil despregados na operación 'Copérnico' coa que se pretendeu impedir o referendo do 1-O e baixo a que actuaron para garantir a aplicación do artigo 155 da Constitución española.

Segundo revelou o dixital catalán VilaWeb, estes sobresoldos ascenderon a 42.140.600 euros, dos cales 21.140.600 foron para a policía española e 21.000.000 para a Garda Civil. Isto despréndese dun documento do Ministerio de Facenda español que ve a luz, tres anos despois do 1-O, en resposta a unha petición de Òmnium Cultural que, nun principio, foille negada.

A previsión inicial, segundo o informe, sería de 66 millóns para a policía e de 68,5 para a benemérita. Porén, os fondos disparáronse ao 'Copérnico' durar máis tempo do previsto.

O ex ministro de Interior español en 2017 co Goberno de Mariano Raxoi Juan Ignacio Zoido, aseverou nunha sesión do Senado en xaneiro de 2018, que a operación ascendía a 87,1 millóns de euros pero non especificou cantos cartos destinaron aos policías e axentes da Garda Civil. 

A eses 42 millóns de 'complemento de produtividade', habería que sumar as dietas para os axentes desprazados que ascenden a 85 euros por día e as retribucións vitalicias que corresponden ás medallas que lles entregaron máis adiante.

Comentarios