Escudo alemán ao plan de vacinas da UE

Compatriotas e correlixionarias, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e a chanceler de Alemaña, Angela Merkel, defenden a xestión do Executivo comunitario.
EuropaPress_3351514_handout_01_october_2020_belgium_brussels_german_chancellor_angela_merkel
photo_camera A presidenta da Comisión (esquerda) e a chanceler de Alemaña, no Consello Europeo desenvolvido o pasado mes de outubro (Mario Salerno / dpa)

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, defendeu a súa xestión na contratación e distribución das vacinas da Covid. Fíxoo onte tras as críticas da OMS, dos 27 e do Reino Unido ante os atrasos anunciados polas farmacéuticas, o lento proceso de inoculación e o anuncio de que, en contra do seu compromiso durante o Brexit de evitar unha fronteira dura, habería controis na fronteira entre Irlanda do Norte ─baixo soberanía británica─ e a República de Irlanda ─país soberano da Unión Europea─.

Este último punto, proposto para asegurar que as vacinas non serían transportadas ilegalmente ao Reino Unido desde territorio comunitario ─e que logrou pór en sintonía nas críticas a Londres, Belfast e Dublín─, xa fora aclarado polo portavoz da Comisión Eric Mamer. "Adóitase dicir que só o papa é infalíbel. O importante é que os erros se recoñezan axiña ─neste caso tan axiña que foi antes de a decisión ser adoptada─ e se corrixan", dixo, e engadiu que "son cousas que pasan cando estás a traballar a toda velocidade para resolver unha situación en marcha".

Desde o primeiro momento, a Comisión quixo blindar das críticas a presidenta. Mamer encargouse de desviar a culpa: "A regulación recae baixo a responsabilidade do señor Dombrovskis e do equipo del". Valdis Dombrovskis é vicepresidente do Executivo e comisario responsábel de Comercio. En calquera caso, insistiuse en defender a xestión no proceso.

Neste mesmo sentido manifestouse Von der Leyen. Primeiro, nunha entrevista publicada en varios periódicos europeos ─Le Monde e The Irish Times, entre outros─. "É certo que algúns países comezaron a vacinar un pouco antes que Europa. Mais porque usaron procedementos de autorización e de comercialización en 24 horas. E tanto a Comisión como os países da UE estaban de acordo en non ceder coas exixencias de seguridade e de eficacia necesarias para autorizar as vacinas", explicou.

O nerviosismo entre os 27 inflamouse máis nos últimos días ante o rápido proceso de inoculación en Israel ─que conta cun potente sistema público de saúde─ e no Reino Unido ─que habilitou instalacións deportivas e de todo tipo para vacinar sen descanso─. Mais ante as sospeitas de que o motivo do éxito destes dous países era o desvío de vacinas por parte das farmacéuticas, puxo en marcha o plan para controlar as exportacións ─en contra dos postulados sobre libre comercio que Bruxelas defende a ultranza─ e obrigar que as vacinas producidas na UE sexan usadas na UE. Decisión que a OMS cualificou de "baldía".

A publicación da entrevista múltiple foi seguida dunha xuntanza onte pola tarde ─a porta fechada─ de Von der Leyen cos tres principais grupos da Eurocámara: o Partido Popular Europeo, os Socialistas & Demócratas e os liberais de Renovar Europa. Tamén estaba por confirmar unha xuntanza cos Verdes/ALE. Porén, ante a petición de varios grupos, terá que comparecer publicamente en pleno na sesión da próxima semana se a maioría o aproba.

Baluarte Merkel

Tamén neste sentido, a presidenta do Goberno alemán, Angela Merkel, os primeiros ministros dos Estados federados e representantes da industria farmacéutica reuníronse para analizar a situación. "Hai boas razóns polas que estamos a ser máis lentos", sinalou a chanceler, que defendeu a xestión da Comisión e da súa compatriota e correlixionaria Von der Leyen. 

Merkel considerou que a cautela seguida pola Axencia Europea do Medicamento serviu para dar confianza entre a poboación sobre a vacina, en detrimento da maior celeridade e menor seguridade británica. Segundo os últimos datos, 2 millóns dos 83 millóns de habitantes de Alemaña, recibiran a primeira dose. No Reino Unido, son xa 9 millóns da poboación de 67 millóns.

Licenciada en Físicas pola Universidade Karl Marx de Leipzig, Merkel comparte formación científica con Von der Leyen. Esta advertía na entrevista de onte que "como médica, o que me preocupa agora son as variantes porque sei que os virus mutan. Por iso creo que se hai que preparar para escenarios que agardemos non cheguen", mais considera que "o mundo vai necesitar novas vacinas".

E a primeira auguraba que será preciso inocularse contra a Covid durante "moitos anos". A situación é "similar á vacina da gripe, onde se hai que revacinar contra a nova mutación do virus cada vez", algo que é anual.

Comentarios