A Raíña Elizabeth deitou esta fin de semana unha declaración (“os eleitores teñen que pensar con moito coidado sobre o futuro”) que foi interpretada polos unionistas como un respaldo ao NON no referendo desta quinta feira. Salmond, o líder independentista, non quixo polemizar con Buckingham Palace e mostrou o seu convencimento de que a Raíña se ten mantido imparcial durante a campaña. O SNP defende que Elizabeth é tamén a monarca das escocesas e os escoceses. A formación nacionalista escocesa ten claro que introducir a polémica sobre a República enfeblecería o campo do SI e sería o mellor regalo para a campaña do NON.
A partida estase a desenvolver a unha velocidade de vertixe, con todos os pións en movimento. O primeiro ministro británico, David Cameron, viaxou esta segunda feira a Edimburgo para manter unha reunión con parte do establishment empresarial escocés. Tenciona transmitir a mensaxe de que a independencia sería un desastre para a economía do país.
Salmond mantivo conversas con distintos Estados da UE -entre eles co español- en relación á súa pretensión de se manter na Unión após a independencia
Mentres, Salmond mantivo conversas con distintos Estados da UE -entre eles co epañol- en relación a súa pretensión de se manter na Unión após conseguir a independencia.
Segundo revela Scotsman, Salmond contestou que si á pergunta de se mantivo conversas con Bélxica, Italia e o Estado español, estados que, afirma o diario escocés, teñen expresado “inquietudes” a respeito dos seus “proprios grupos separatistas”.
Canto ás cuestións puramente loxísticas, e segundo informa Nació Digital, a oficina de imprensa do Parlamento escocés non está en condicións de garantir que o resultado do referendo se vaia coñecer o mesmo día 18 de Setembro. Non é desbotábel, pois, que cómpra agardar até primeiras horas da sexta feira para saber se Escocia dixo SI ou Non á súa independencia.
En realidade, os colexios eleitorais fecharán por volta das 23.00, hora galega, o cal antecipa unha longa noite e madrugada da sexta feira.
A BBC -protagonista na campaña após Salmond tela acusado de estar a ser unha arma de propaganda do unionismo- manterá unha programación especial até as 10 horas da sexta feira.
Fotografía tirada de Nació Digital. Autor: Bernat Ferrer