Escocia redobra a aposta pola educación ao aire libre no regreso ás aulas

A maioría das crianzas da UE retoman nestes días a educación formal presencial nas escolas, aínda que nalgúns Estados o regreso ao colexio adiouse a setembro. Os riscos de contaxio e o distanciamento físico son retos que Escocia propón afrontar con medidas alternativas como o ensino máis alá de catro paredes.  

escola_escocia2
photo_camera Desde o Goberno escocés levan anos impulsando o ensino ao aire libre desde idades temperás (gov.scot)

O regreso ás aulas na UE, malia as dúbidas da comunidade docente e das familias, é inminente. Nos Países Baixos, por exemplo, retomouse nesta semana a actividade na educación primaria e especial. Nalgúns colexios o alumnado acode en días alternos, para reducir a capacidade á metade, e cada pupitre está protexido por un biombo de metacrilato. 

Tamén en Francia, de forma gradual, vólvese ás escolas nestes días. Fixérono na segunda feira o alumnado de primaria e o do derradeiro curso de infantil, con 15 menores como máximo por aula. E a partir da vindeira semana, por quendas, regresarán en Portugal as crianzas de 11 e 12 anos.

En Alemaña as competencias en Educación son dos länder, que na súa maioría queren que antes do verán todas as crianzas vaian ao colexio polo menos un día á semana. De momento, ao igual que en Austria, comezou o regreso ás escolas nalgúns ciclos, como o último de primaria, xa no 4 de maio.

Noutros Estados como Italia ou España ─que tamén ten as competencias transferidas, mais é o Goberno central quen está a tomar as decisións─, en principio contémplase a data do 1 de setembro como a máis probábel para a volta da actividade educativa.

E no Reino Unido, que no domingo presentou a súa estratexia de desconfinamento en tres fases, prevese que os centros educativos abran o 1 de xuño para o alumnado de primaria. Unha data que desde o Goberno de Escocia consideran prematura.

Modelo escocés

"Non podo e non debo comentar se é axeitado para Inglaterra… mais sei que, vendo as evidencias con que conto, non podo pór a miña man no corazón e dicir que sería unha boa cousa para Escocia", sinalou a primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon. 

O Executivo escocés mantén, en xeral, unha postura máis conservadora que o de Boris Johnson sobre a saída da corentena. Ao igual que acontece cos länder alemáns ou coas rexións italianas, as home nations británicas están a ter maior autonomía neste proceso de desconfinamento.

A respecto da educación, Sturgeon afirmou que, en calquera caso, a volta ás escolas requirirá da combinación de clases presenciais e ensino na casa, dando prioridade ao regreso do estudantado de secundaria. Na pasada semana fixo público un documento coas liñas a seguir, como a atención ás aulas en quendas alternas entre días ou semanas, así como a desinfección profunda das aulas entre grupos.

Modelo innovador

Ademais, a nivel local estanse a explorar outras opcións para que as nenas e os nenos poidan retomar a educación formal, como por exemplo o fomento do ensino ao aire libre para facer máis factíbel o distanciamento físico.

Algo que vai na liña das políticas impulsadas a nivel nacional. A ministra escocesa da Infancia e da Xuventude, Maree Todd, vén defendendo desde que asumiu o cargo en 2017 a transición a un modelo onde prime este tipo de ensino, especialmente entre as crianzas máis novas. 

Un dos aspectos, este, que fai parte do Currículum para a Excelencia, unha anovada proposta de currículo escolar elaborada en conxunto con profesionais e comunidade educativa que "axude as nosas crianzas e xente nova a adquirir o coñecemento, as habilidades e as cualidades necesarias para a vida no século XXI". 

A educación en espazos abertos é xa unha realidade para as idades máis temperás. En declaracións a The Guardian, Todd dixo: "Hai un número crecente de gardarías total ou parcialmente ao aire libre en Escocia. Este modelo podería ter moitos beneficios para manter a distancia física e minimizar o risco de transmisión como parte da transición desde o confinamento ao regreso ás escolas de educación infantil e ás gardarías". 

Ademais, asegurou que "así como as gardarías especializadas na atención ao aire libre están preparadas para as necesidades das crianzas que pasan todo o día fóra, outros centros están a estudar como adaptarse para permitir que se estea máis tempo en xardíns e patios de recreo".

Os especialistas que asesoran o Goberno non dubidan do impacto positivo da aprendizaxe en espazos abertos, aínda que, no entanto, salientan que require de preparación e experiencia e que non todos os centros escolares teñen as infraestruturas necesarias.

Comentarios