Escocia prepara xa a súa Constitución

O primeiro ministro escocés, Alex Salmond, comprometeuse a promulgar o texto na data en que Escocia se converta nun país plenamente independente, o 16 de marzo de 2016. 

Escocia

De gañar o 'Si' no referendo de autodeterminación do 18 de setembro, Escocia contará cunha Constitución escrita após rematar o proceso de transición cara á independencia. Así o asegurou o primeiro ministro, Alex Salmond, esta segunda feira.

O borrador da Carta Magna será publicado este mesmo verán e nel recollerase o procedemento legal para aprobar o texto definitivo. Aliás, será sometido a consulta dos partidos políticos antes de se converter en lei. 

"Unha Constitución escrita é unha parte importante da identidade dunha nación", enfatizou o número dous do executivo escocés, Nicola Sturgeon, nunha conferencia que tivo lugar na Universidade de Cardiff (Gales).

O goberno de Alex Salmond presentará un texto provisional en verán que rexerá o procedemento legal a seguir para aprobar a Constitución após declarar a independencia de Escocia en 2016

Construír a "Escocia moderna"

Neste senso, o texto provisional que está a redactar o goberno será presentado no Parlamento se gañar o 'Si' á independencia e nel incluiranse os mecanismos para aprobar un texto definitivo que ha de ser "inclusivo", salientou Sturgeon, á fin de representar a todas as comunidades que viven en Escocia. "Coido que o proceso de redactar a nosa Constitución dará folgos á xente en todo o país e inspirará a mulleres e homes, mozos e anciáns, do rural e do urbano, gente de todas as comunidades que fan a Escocia moderna", enfatizou Sturgeon desde Gales.

Face a particularidade do Reino Unido, que constitúe o único país da UE sen lei fundamental escrita, fontes gobernamentais apuntan desde Edimburgo que é algo que non repetirá unha Escocia independente. Para a súa redacción será creada unha convención especial designada polo goberno que saia eleito das primeiras eleccións parlamentares nunha Escocia soberana. 

Mais para iso será preciso que o apoio á independencia sexa maioritario na consulta popular que terá lugar o vindeiro mes de setembro. Segundo os últimos inquéritos publicados @s independentistas sumarían xa o 40% face o 45% d@s unionistas. 

Comentarios