Escocia, Irlanda do Norte e Gales son outra cousa

O SNP baixa, mais mantense como principal forza escocesa. O Sinn Féin obtén un resultado histórico e o Plaid Cymru aumenta representación.

gales

Hai tres territorios no Reino Unido onde intentar  reducir a política ao esquema inglés non serve. Escocia, Irlanda do Norte e Gales. Volveu se poñer de manifesto nos comicios desta quinta feira.

O caso máis salientábel é Irlanda do Norte, cun sistema de partidos totalmente propio destes seis condados baixo dominio británico.  Aquí non hai conservadores e laboristas, hai unionistas e nacionalistas. Nestas eleccións os máis votados foron o DUP, principal forza do unionismo, con 10 escanos. Mais quen obtivo un novo resultado bo nas urnas foi o Sinn Féin, con 7 escanos, seguindo o ronsel de ascenso que experimentou nestes anos.

En Escocia, onde se elixían 59 escanos a Westminster, a principal forza continúa a ser o SNP, que logrou 35 representantes. Porén, sufriu unha queda importante pois perdeu 21 deputados. Era lóxica unha baixada. Todos recoñecían que era imposíbel volver obter o case pleno dos anteriores comicios [atinxira 56 dos 59 escanos] mais poucos agardaban tanto descenso. Especialmente duro, que o que era xefe do grupo parlamentar escocés e ex-primeiro ministro de Escocia, Alex Saldmon, non fose quen de sacar asento.

A segunda forza en Escocia foron os Conservadores, con 13 deputados (tiñan un), seguidos dos Laboristas (atinxiron 7, o que é un aumento de 6). Os Liberal Demócratas lograron 4, incrementando en 3 a súa representación.

En Gales elixían 40 representantes ao Parlamento do Reino Unido. Os Laboristas volveron recuncar como primeira forza (28 deputados, 3 máis), por diante dos conservadores, que lograron 8 (3 menos). O independentista Plaid Cymru aumentou a súa representación nun escano, obtendo 4, mentres que os Liberal Demócratas perderon o escano que tiñan por Gales.

Comentarios