Escocia: o gaélico pasa ser o idioma de referencia no ensino de Primaria nas Hébridas

Os pais e nais que desexen que as súas crianzas estuden en inglés deberán indicalo explicitamente

stornoway hébridas escocia
photo_camera Stornway (Hébridas)

As crianzas que comecen a escola primaria a partir do curso escolar 2020-2021 nas Hébridas exteriores, Escocia, serán inscritos ‘por defecto’ no sistema de educación en lingua gaélica a non ser que os pais e nais opten explicitamente porque o sexa en en inglés. Até o de agora, as crianzas estaban inscritas en principio no sistema en inglés e eran os pais e nais as que tiñan que facer constar explicitamente a súa preferencia polo gaélico.

A decisión, da que informa Nationalia,  foi tomada polo Consello de Hébridas Exteriores, que administra as escolas do arquipélago. Dos 32 concellos nos que se divide Escocia, as Hébridas Exteriores teñen a maior proporción de gaélicofalantes (52%).

A educación en gaélico está dispoñíbel en todas as escolas das Hébridas exteriores e nun bo feixe doutras escolas do resto de Escocia. Neste sistema, durante os primeiros anos de primaria, todas as clases están en gaélico. Máis tarde o inglés é introducido gradualmente. O obxectivo é que os nenos e nenas, ao finalizar a escola, dominen os dous idiomas.

A través das redes sociais, o Consello gaélico (Bòrd na Gàidhlig) parabenizou a decisión, dicindo que as investigacións demostran que os nenos e nenas que aprenden en gaélico teñen un rendemento mellor en todas as materias, incluído o inglés, que os que o fan sen recibir aulas no idioma celta.

Saúde dun idioma antigo

O gaélico escocés, noutrora lingua estendida e falada por toda Escocia, está actualmente en risco crítico de desaparición. Ten algo máis de 90.000 falantes, 58.000 dos cales están en Escocia e o resto naqueles países onde existen importantes comunidades escocesas froito da emigración, como Canadá, Estados Unidos ou Australia. En Escocia é o norte do país unha das zonas onde a lingua ten unha comunidade de falantes se ben este mantense baixo mínimos. Unha situación que é perceptíbel principalmente entre a mocidade.

No conxunto de Escocia, os escoceses que afirman que falan gaélico son 57.600, o que representa apenas 1,1% da poboación. E 25.000 deles din que empregan ese idioma habitualmente. En 2001 a cifra de falantes era de 58.600. Porén, é na mocidade onde se está a dar un cambio a positivo a respecto do idioma propio do país. Nas franxas por baixo dos 18 anos aumenta a porcentaxe de gaélico-falantes. Nunha década pasou do 0,9% ao 1,2%.

Alén dos 57.600 escoceses que din saber falar gaélico hai outros 30.000 que afirman que o entenden e teñen coñecementos do idioma. Por zonas, 61% dos habitantes das Illas Hébridas coñecen o gaélico, así como 7,4% dos que viven nas Highlands. En Glasgow 1,7% da poboación fala gaélico (perto de 10.000 persoas).

Comentarios