Escocia retruca a Rajoy: ''Seguiremos dentro da UE, co mesmo trato que o Reino Unido''

O executivo escocés veu responder deste xeito as declaracións do ministro español de Asuntos exteriores, José Manuel García-Margallo, quen en máis dunha ocasión dixo que tanto a Catalunya como a Escocia lles cumpriría o apoio unánime dos estados da UE para facer parte dela

"Escocia é parte do territorio da UE e os escoceses son cidadáns da UE. Non hai nada que indique que esta situación teña que mudar após a independencia. Escocia terá exactamente o mesmo trato, dereitos e obrigas que o Reino Unido". Son as palabras con que un voceiro do goberno escocés quixo refutar as ameazas do PP español ante o referendo convocado polo parlamento catalán para preguntar á cidadanía sobre a autodeterminación. Londres autorizou a consulta de Escocia sobre a independencia, fixada para o outono de 2014.

O executivo escocés veu respostar deste xeito as declaracións do ministro español de Asuntos exteriores, José Manuel García-Margallo, quen en máis dunha ocasión dixo que tanto a Catalunya como a Escocia lles cumpriría o apoio unánime dos estados da UE para facer parte dela.

A propia UE desminte o PP: ''A lexislación internacional non di nada que se pareza a iso''
O balbordo que as consultas cidadás produciron no goberno de Mariano Rajoy ficou constatado após a denuncia feita pública polo diario escocés Newsnet Scotland en que sinalaba o representante español na Comisión europea, Federico Fonseca Morillo, como responsábel das presións que tería recibido este órgano após declarar a súa vicepresidenta, Viviane Reding, que ningunha lei impediría que unha Catalunya independente ficase dentro da UE.

Reding negou de maneira taxativa que exista impedimento algún na Convención de Viena para que un estado novo resultante doutro estado integrado na UE poida ficar dentro dos órganos europeos dos que xa facía parte antes da independencia. "A lexislación internacional non di nada que se pareza a iso", subliñou. Porén, Morillo non gostou da legalidade internacional e, segundo informou Newsnet Scotland, após a publicación da entrevista enviou unha carta ao rotativo, o Diario de Sevilla, para 'convidar' a que se omitise ese bocado da conversa.

Comentarios