Escocia: cantos anos é unha xeración?

O mantra oficial de Londres é que o referendo de independencia de 2014 tiña o carácter de ser "único nunha xeración". O independentismo busca nas eleccións ao Parlamento escocés de hoxe unha maioría ampla para exixir unha segunda consulta, o indyref2. A líder do SNP, Nicola Sturgeon desbotou a vía catalá, mais non, recorrer na xustiza. 

EuropaPress_3687884_05_may_2021_united_kingdom_alford_first_minister_of_scotland_and_leader_of
photo_camera A líder do SNP e primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, en Alford cunha familia, no último día da campaña (Foto: Russell Cheyne / PA Wire)

O Partido Nacional Escocés (SNP) aspira a lograr a maioría absoluta nas eleccións ao Parlamento que se desenvolven hoxe no país. Maioría que está en 65 escanos. Actualmente conta con 61 e goberna co apoio dos Verdes ─tamén independentista─. A posíbel incursión do ex líder do SNP, Alex Salmond, á fronte da súa nova formación, Alba, podería dar unha "supermaioría" (o obxectivo con que este se presentou) ou todo o contrario

Os medios locais non están seguros e case todas as enquisas coinciden en que a absoluta para o SNP baila no gume dunha navalla. A última, publicada por The Scotsman (centrodereita, favorábel ao 'Non' en 2014), mesmo reflicte que a formación de Sturgeon podería perder dous escanos. Con todo, os Verdes sumarían nove representantes (agora contan con cinco) dos 129 de Holyrood, metonímico da Cámara escocesa.

Se ben é certo que nas últimas semanas, ao ritmo que avanzaba a vacinación no Reino Unido, o apoio nas enquisas á independencia rexistraba un lixeiro retroceso, o 'Si' nun hipotético indyref 2 continúa a ser maioritario ─aínda que o apoio ao 'Non' non baixa de 45%─. En 2004, a cidadanía escocesa votou (55-45%) a favor de manter a súa adhesión de máis de 300 anos ao Reino Unido.

O SNP cre que un apoio maioritario hoxe suporía un mandato popular para exixir outra consulta, que Londres mantén ─aferrándose a unhas palabras de Salmond en 2014─ que só se pode dar unha vez por xeración. 

E canto é isto? Alister Jack, secretario de Estado británico para Escocia (equivalente ao delegado do Goberno español en Galiza), nunha entrevista na BBC en novembro, cifrouna en "25 ou 40 anos". "O que está claro é que nin son seis anos nin dez", dixo.

No último debate electoral, Sturgeon sostivo que non convocará un referendo de forma unilateral. Mais tanto ela como o SNP insisten en que darán a batalla legal se Londres teima en se opor. 

Gales camiña cara a un bipartito

Tamén Gales elixe hoxe o seu Parlamento ─o Senedd─, que desde a devolution (o "Estatuto de Autonomía" galés) de 1999 está liderado polo Partido Laborista, tamén no Goberno nestas máis de dúas décadas.

Precisamente ao "espírito de 1999" apelou Adam Price, o líder do Plaid Cymru (socialdemócrata). Daquela, o partido nacionalista foi segundo, con 17 representantes, por 28 dos laboristas.

Nos últimos comicios, de 2016 ─como en Escocia, son cada cinco anos─, os laboristas fixéronse con 29 escanos dos 60 da Cámara. O apoio do deputado dos Liberal Demócratas e de un independente permitiulles gobernar.

O Partido Conservador foi segundo con 14 e os nacionalistas do Plaid Cymru, terceiros, con 11. Tras a marcha de tres deputados tories, contan agora cada un co mesmo número de escanos.

 Segundo a última enquisa, publicada por ITV ─principal TV privada británica─, os laboristas lograrían 25 asentos, os conservadores 17, e os nacionalistas 15. Este resultado podería levar a un bipartito entre primeiros e terceiros. O Plaid Cymru prometeu un referendo de independencia antes de 2030.

O alcalde laborista de Londres, preto da súa reelección

Gran Bretaña vive hoxe unha "súper quinta feira electoral". Ademais das parlamentarias en Escocia e Gales, tamén se desenvolven eleccións locais en Inglaterra. Estas inclúen o voto para a conformación das corporacións municipais de 143 concellos; a elección directa de 13 alcaldes das principais cidades e áreas metropolitanas, incluída Londres; e a designación dos 25 membros da Asemblea da capital inglesa. 

Tamén se elixen ─en Gales e en Inglaterra─ 39 comisionados policiais, os encargados de coordinar os distintos corpos de seguridade e de bombeiros a nivel rexional. 

Os comicios á Asemblea londiniense comparten o mecanismo de elección que se usa nas parlamentarias escocesas e galesas, un sistema mixto ou de dobre voto: un para elixir os representantes ─individuos─ pola circunscrición e outro para elixir os representantes ─partido─ pola rexión. Precisamente a este segundo voto é que apelou Alex Salmond na presentación do Alba para logra unha "supermaioría" independentista.

En Londres, o alcalde desde 2016, o laborista Sadiq Khan, avantaxa nas enquisas o seu principal rival, o conservador Shaun Bailey. A última, de YouGov, daba un resultado de 43%-31%.

Debido ás medidas pola Covid-19, o reconto electoral en todos os comicios non dará comezo até mañá, e é previsíbel que os resultados finais non se coñezan até a fin de semana.

Comentarios