Escocia: o apoio á independencia acada marcas históricas

Unha enquisa STV/Ipsos MORI indica que de se realizar agora o referendo independentista o ‘Si’ a se independendizar de Reino Unido chegaría ao 58%.

ESCOCIA INDEPENDENCIA (snp)
photo_camera Imaxe dunha manifestación independentistA (Foto: SNP)

O apoio á independencia de Escocia atinxe marcas históricas, segundo unha nova enquisa. A sondaxe feita por Ipsos Mori para STV News indica que, sen ter en conta os indecisos, 58% dos preguntados votarían pola independencia de Escocia nun refrendo de autodeterminación mentres que 42% optarían pola opción de que Escocia continuase no Reino Unido.

De  incluír os indecisos, as porcentaxes serían de 55% a favor da independencia e 39% en contra. A independencia, pois, sairía igualmente gañadora da consulta.

Estes resultados indican a maior vantaxe até a data a favor do independentismo. A enquisa realizouse entre o 2 e o 9 de outubro, vía telefónica e a 1.045b escoceses e escocesas.

En agosto, unha sondaxe para ‘The Times’ situaba o apoio á independencia no 53%, porcentaxe que naquela era a mellor que unha sondaxe indicaba para os partidarios de rachar con Londres.

A campaña a prol dun segundo referendo de autodeterminación para Escocia foi intensificándose ao longo destes meses, con manifestacións multitudinarias de ducias de miles de persoas.

O Brexit supuxo abrir a porta a unha mudanza tan importante do estatus político-económico de Gran Bretaña que xerou desde un primeiro momento a reacción do independentismo, escocés e gales, que reclaman o seu dereito a decidir. Unha demanda que se está a concretar a través das March for Independence, primeiro en Escocia e agora en Gales, mobilizacións de miles de persoas onde a reclamación independentista mostra músculo e discurso nas rúas.

Parlamento

No traballo de Ipsos tamén se pregunta a quen votaría nunhas eleccións escocesas e o independentista SNP volvería saír vencedor, con case 60% dos apoios. De se dar este resultado e o SNP ter maioría no parlamento escocés, case 2/3 dos enquisados din que Londres debería permitir un novo referendo de independencia no prazo de 5 anos.

Preguntados pola valoración da primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon, 70% cualifícao como positivo.

Comentarios