Escocia: un ano para decidir

O 18 de setembro de 2014 o pobo escocés está chamado ás urnas nun referendo de autodeterminación que podería darlle a independencia. Unha manifestación este sábado pulará polo 'si' a unha Escocia independente.

Debe ser Escocia un país independente? Esa será a pregunta que deberán responder @s escoces@so de aquí nun ano. O último inquérito publicado a petición do goberno escocés amosa un aumento das posturas soberanistas que roldarían o 44% da poboación e unha redución entre as persoas que se amosan indecisas, porén, aínda fica unha parte importante do electorado por se decidir. 

"Referendos coma este son acontecementos que ocorren unha vez nunha xeración", dixo Alex Salmond,líder do Scotish National Party. Desde o SNP aseguran que Escocia ten capacidades e recursos para converterse nun país soberano de éxito "mais precisamos", considerou Salmond, "as ferramentas políticas precisas para crearmos unha sociedade máis xusta". 

En troca, o ministro británico en Escocia, Michael Moore, apelou ao carácter "definitorio" do momento para promover o 'non' á independencia na consulta popular. "Escocia será máis forte, máis segura e máis próspera se continúa sendo parte do Reino Unido", sinalou. 

Unha marcha clamará polo 'si' en Edimburgo
Sexa como for, o vindeiro 2014 Escocia vivirá unha xornada histórica na que a cidadanía terá a oportunidade de decidir cal seráo seu futuro pois, ao contrario o que acontece no Estado español, o goberno inglés de David Cameron recoñeceu o dereito de Escocia a se autodeterminar após unha forte campaña a prol do dereito a decidir. 

Neste senso, o vindeiro sábado 21 de setembro @s independentistas promoven unha marcha por Edimburgo a prol da independencia baixo o lema "March and Rally for the Scottish Independence". Na pasada edición, máis de 10.000 persoas clamaran polo dereito a decidir do pobo escocés nunha mobilización que inundou a coñecida Princes Street Gardens. 

Nesta ocasión, un acto político precedrá a marcha que partirá de High Street e rematará en Calton Hill.  

Comentarios