Francia

Un escenario difícil de gobernar: a esquerda gaña en Francia e consegue frear a extrema dereita

A Nova Fronte Popular logrou 182 escanos e sitúase como primeira forza na Asemblea Nacional de Francia.

Manifestantes de esquerda celebrando a derrota da extrema dereita (Foto: Julien Mattia / Le Pictorium via Z / DPA vía Europa Press).
photo_camera Manifestantes de esquerda celebrando a derrota da extrema dereita (Foto: Julien Mattia / Le Pictorium via Z / DPA vía Europa Press).

A Nova Fronte Popular logrou 182 escanos na Asemblea Nacional de Francia tras a segunda volta das eleccións lexislativas decorridas este domingo, co que a esquerda evitou unha maioría da extrema dereita da Agrupación Nacional, que conseguiu 143 escanos e quedou en terceira posición, por detrás tamén de Xuntos pola República, a coalición do macronismo.

Desta maneira, a alianza de formacións afíns ao presidente da República, Emmanuel Macron, conseguiu 168 asentos nuns comicios marcados por unha histórica participación que chegou a superar o 65%, unha cifra sen precedentes desde 1997. Neste sentido, estes resultados supoñen unha inversión con respecto á primeira volta, na que a Agrupación Nacional foi a forza máis votada con máis de 33% dos apoios.

Por detrás das tres principais formacións (a Fronte Popular, Xuntos pola República e a Agrupación Nacional) fican a parte dos Republicanos que non pactou coa Agrupación Nacional, con 67 asentos, e a esquerda diversa, con 12 asentos.

Neste escenario, o líder da Francia Insubmisa, a principal forza dentro da Nova Fronte Popular, Jean-Luc Mélenchon, emprazou o presidente da República, Emmanuel Macron, a encargarlles a formación de goberno. Macron "ten o deber de chamar á Nova Fronte Popular a gobernar", afirmou ante unha gran masa de simpatizantes.

"O primeiro ministro debe irse" e Macron debe ceder e admitir esta derrota sen intentar eludila de ningún modo", proseguir Mélenchon. "O presidente ten o poder, ten o deber de convocar á Nova Fronte Popular para gobernar", rematou o dirixente de esquerda.

Pouco despois, o primeiro ministro francés, Gabriel Attal, anunciou desde o patio do Palacio de Matignon, residencia oficial do xefe de Goberno, que presentará esta segunda feira a súa dimisión ante o presidente, Emmanuel Macron, "fiel á tradición republicana".

Bildu chega a París por primeira vez na historia

EH Bai, a marca coa que EH Bildu concorreu nas eleccións do Estado francés, logrou representación por primeira vez na historia cun escano na Asemblea. "Dixémolo. O ciclo electoral non rematara e hoxe tiñamos o reto de conseguir por primeira vez un deputado abertzale, independentista e de esquerdas en París", sinalou o coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi.

Non foi o único fito histórico para o independentismo na noite deste domingo. Emmanuel Tjibaou, un dos fillos do líder canaco Jean-Marie Tjibaou asasinado en 1989, converteuse no primeiro deputado independentista elixido desde 1986 por Nova Caledonia, territorio de ultramar no que existe unha importante contestación contras as autoridades francesas.

Porén, na primeira circunscrición de Nova Caledonia, foi reelixido o deputado Nicolas Metzdorf, defensor do proxecto de lei constitucional que desencadeou as protestas no arquipélago. Por outra parte, no resto de territorios de ultramar (Güiana, Martinica e Guadalupe) as ambicións víronse truncadas ao gañar candidaturas de esquerda.

A coalición nacionalista corsa Fagamos Córsega conseguiu un asento na primeira circunscrición de Alta Córsega, mentres que a segunda foi para Agrupación nacional. En Córsega do Sur o macronismo e a extrema dereita de Le Pen repartiron os dous escanos.

Difícil gobernabilidade: "Prudencia"

O presidente da República, Emmanuel Macron, pediu "prudencia", xa que os resultados non responden á pregunta de "quen gobernará". Neste sentido, desde o Palacio do Elíseo anunciaron que Macron esperará á "estruturación" da nova Asemblea Nacional para "tomar as decisións necesarias".

Tras unha segunda volta de eleccións á Asemblea Nacional francesa na que ningunha das tres principais forzas políticas conseguiu a maioría absoluta de escanos, o presidente da República enfróntase a unha encrucillada para escoller o futuro primeiro ministro ou primeira ministra.

Macron, que xa rexeitara a posibilidade de dimitir en caso dun escenario desfavorábel, ten a obrigación de nomear unha persoa candidata a ser primeiro ministro ou primeira ministra, polo menos temporalmente.

Neste contexto, de non chegarse a un pacto ou entendemento entre dous das tres principais forzas na Asemblea Nacional, o futuro primeiro ministro ou a futura primeira ministra enfrontará un posíbel bloqueo institucional e un Executivo "fráxil e minoritario", con dificultades para gobernar, xestionar os asuntos actuais e aprobar leis.

Comentarios