Errejón dimite do seu escano no Congreso mais segue en Podemos

A cinco meses das eleccións europeas, municipais e, na maioría de comunidades do Estado, autonómicas, a cúpula de Podemos estala. Ou vive o penúltimo episodio da longa ruptura entre os seus dous fundadores de maior relevo: Pablo Iglesias e Íñigo Errejón. Este dimitiu esta segunda feira do seu escano no Congreso. Mais segue, de momento, en Podemos.
 

igo Errejón_Podemos
photo_camera O ex deputado de Podemos Íñigo Errejón. Foto: cedida.

O abandono pon o ramo aos acontecementos desencadeados na esquerda madrileña nos últimos cinco días, despois de que Errejón anunciase que prescindía de Podemos e se sumaba á plataforma Más Madrid, impulsada pola alcaldesa Manuela Carmena, para optar á presidencia do goberno autónomo da rexión.

“Levo días de esixencias de que deixe a miña acta”, anunciou o xa ex deputado, “e hai que deixar atrás as disputas dos partidos e centrars no importante. Dedícome plenamente a unha soa tarefa: gañar a comunidade de Madrid e contribuír a que Carmena revalide o Concello. Non viñen vivir da política senón facer política. Hai que escoller entre a comodidade e o axeitado”.

A renuncia de Errejón, que representa o sector máis centrista da formación morada, non implica a súa marcha do partido. “Non podería deixar Podemos nin aínda que quixese. Sigo a ser militante”. Mais a súa dimisión e a prevista de Carolina Bescansa logo de perder as primarias de Podemos Galiza deixan a Iglesias como único de entre os fundadores da organización -hai apenas cinco anos- con presenza institucional.

Comentarios