Errejón asume que non continuará como portavoz parlamentar se perde e Iglesias pensa nel para Madrid

Non deixa de medrar a tensión entre as familias conforme se achega o conclave no Palacio de Vistalegre (10, 11 e 12 de febreiro). Íñigo Errejón xa ten asumido que o núcleo duro da dirección pablista non o quer como número dous. Iglesias, informa ElIndependiente.Com, pensa en Errejón como alternativa para Madrid.

Íñigo Errejón e Pablo Iglesias. Vistalegre I
photo_camera Íñigo Errejón e Pablo Iglesias. Vistalegre I

Horas contadas para a dupla Iglesias-Errejón. Na eventualidade de a lista promovida polo secretario político gañar, o líder até agora do proxecto morado xa anunciou que liscaría para casa. Está a ser moi notorio o bombardeo propagandístico desta potentísima imaxe, a do número un a desaparecer de escena, por parte do aparato pablista, co obxectivo obvio de outorgar un carácter plebiscitario á escolla congresual desta fin de semana. Mais que acontecería se quen perdese fose Errejón? El propio comeza a ter ben claro que o seu estatus na formación -número 2 indiscutido- pasaría á historia. "É obvio que teño diferenzas con parte da nova contorna de Pablo. A nova contorna de Pablo non quer que eu ocupe unha posición destacada no tándem", declarou esta segunda feira.

Por tanto, pasar o que pasar, a parella está a piques de rachar.

E que planos baralla Pablo Iglesias para o futuro do seu até agora inseparábel número dous? "Errejón é un referente para unha base social de votante máis moderado, máis transversal e perdelo a el sería abandonar a ese sector de votantes", dixeron fontes pablistas ao dixital ElIndependiente.Com.

As mesmas fontes fan unha avaliación positiva do papel de Errejón como portavoz parlamentar, mais deixando entrever que o cisma político aberto entre as correntes faría inviábel a súa continuidade no cargo após unha eventual derrota súa en Vistalegre II.

Desbotada a continuidade como número 2 orgánico e como portavoz parlamentar, a saída para Errejón sería a política madrileña, como hipotético relevo de Manuela Carmena -que xa ten anunciado que non repetirá como candidata- ou como retador de Cristina Cifuentes nas eleccións ao parlamento autonómico.

Comentarios