UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Eric Toussaint: "Falta un movemento europeo contra a brutal ofensiva neoliberal"

Doutor en ciencias políticas, presidente do comité para a anulación da débeda do terceiro mundo e membro do consello científico de Attac Francia, Eric Toussaint é unha das voces máis críticas coas respostas neoliberais dos gobernos europeos a esta crise. Este ano participou en pontevedra na Aula Castelao de Filosofía onde analizou, polo miúdo, a actual situación económica, cales son os seus responsábeis e as posíbeis solucións.

01
photo_camera Eric Toussaint

-Que diferenza hai entre esta crise e a que padeceu América Latina anos atrás?

-Hai semellanzas entre o que viviu América Latina entre osa nos 80 e 90 e o que está ocorrendo agora en Europa. A partir da crise da débeda de 1982, que comezou en México en agosto dese ano, desenvolvéronse políticas brutais contra os pobos, con redución do gasto público en educación e saúde, despedimentos ou non substitución do funcionariado, privatizacións masivas de empresas e servizos públicos, aumento dos impostos indirectos como o IVE, maior apertura comercial para “supostamente” atraer máis inversións estranxeiras, cambios no código laboral para facilitar despedimentos, para diminuír o salario mínimo legal... Imaxino que vostedes escoitando isto xa poden facer a comparación co caso actual. Son exactamente as receitas desenvolvidas no Estado español, en Grecia, en Italia, en toda Europa.

Cantos anos nos vai custar aos europe@s estas políticas sociais nefastas? A América Latina custoulle entre quince e vinte anos escoller gobernos que non son revolucionarios nin anticapitalistas mais rachan coa lóxica da austeridade neoliberal. Volven incrementar o gasto social e, en casos como Venezuela, Ecuador ou Bolivia, a recuperar o control sobre os recursos naturais expropiando e redistribuíndo a renda petroleira, por exemplo. Serán quen as europeas e europeos, a un ritmo máis acelerado, de rexeitar as políticas neo- liberais? É angustioso. En Grecia houbo once folgas xerais desde maio de 2010 e falta un movemento europeo por riba das fronteiras contra a brutal ofensiva neoliberal. Ademais o euro está en crise. Hai sectores de opinión en varios países que pensan que é mellor saír desta moeda. É unha discusión aberta.

-A receita sería a mesma que en América Latina, termos líderes políticos que muden esta situación?

-Eu véxoo máis a nivel de nos mobilizarmos nunha plataforma común entre os movementos sindicais, sociais, cidadáns, políticos da esquerda radical a nivel europeo e xerar unha situación onde crear unha alternativa política. O problema non é elixir unha ou un líder carismático, senón ter un bloque social forte, capaz pola súa creatividade e a súa unidade de colocar no goberno representantes da cidadanía que sexan fieis aos intereses do pobo. Lembro unha frase famosa do líder dos mineiros británicos cando aquela folga de doce meses contra a vontade de Thatcher de privatizar e logo pechar as minas. Arthur Scargill dicía “precisamos un goberno que sexa tan fiel aos intereses do pobo como Margaret Thatcher o é aos intereses dos ricos e da burguesía británica”.

-A débeda é máis privada que pública...

-No Estado español só 18% da débeda é pública, 82% é privada. A gran maioría é unha débeda dos propios bancos e de empresas non financeiras, no sector da construción por exemplo. Esas empresas endebedáronse moitísimo porque os bancos alemáns e franceses, con moita liquidez, buscaron como colocar os seus excedentes de capital e pareceulles moi rendíbel outorgar créditos a empresas privadas españolas coa idea de que, se houbese un problema, interviría o Banco Central Europeo. Os bancos alemáns efranceses contan con que os seus gobernos teñen unha maior influencia sobre o Banco Central e, ao seren bancos demasiado grandes para caeren, terían un rescate asegurado.

O euro está en crise. Hai sectores de opinión en varios países que pensan que é mellor saír desta moeda. É unha discusión aberta

Daquela outorgáronse unha cantidade grande de créditos e houbo tamén endebedamento das familias porque os prezos da vivenda subían. Semellaba algo claro pola publicidade das entidades financeiras e as construtoras. En realidade era unha burbulla especulativa. Logo caeu o prezo da vivenda e as familias agora teñen que entregar as vivendas e seguir cunha débeda. Vostedes no Estado español teñen a peor lei de Europa en comparación: o banco pode quedarse coa vivenda e facerlle pagar á familia a diferenza de prezo entre o que pagou e o que vale a vivenda agora. A lei é totalmente favorábel aos bancos.

A actitude do goberno de Zapatero antes e de Rajoy agora é transferir débeda privada dos bancos e do sector da construción, non das familias que por suposto non defenden estes gobernos, cara ao Tesouro Público. Por iso sobe a débeda pública e toman a posición como goberno de dicir que a débeda pública é demasiado alta, hai que buscar equilibrio fiscal e hai que diminuír o gasto público en sanidade e educación. É unha política totalmente contraria á maioría da poboación.

-Vostede fala do concepto de “débeda odiosa” e de que teñen que pagar os verdadeiros culpábeis desta situación. Cales serían no Estado español?

-A Banca privada: Santander, BBVA, as empresas financeiras de crédito, as grandes empresas da construción. Terían que pagar unha parte da factura da anulación da débeda ilexítima os grandes bancos privados de países como Alemaña, Francia e Estados Unidos porque outorgaron crédito ao sector financeiro español.

-A receita do goberno Rajoy son máis e máis recortes...
-Vai a prolongar e agudizar a crise. Nun período de crise económica capitalista a lección tirada por economistas como Keynes foi que é fundamental aumentar o gasto público e protexer o poder de compra das maiorías sociais. Isto xera demanda que permite vender mercadorías e servizos para relanzar a actividade económica. Coa crise a inversión privada cae e se non hai inversión e gasto público e consumo da maioría, non hai crecemento económico. A política do goberno do PP e antes do PSOE é unha política pro-cíclica, isto é, reforza o ciclo económico cando está á baixa, reforza a tendencia da crise até se agudizar. Keynes pensaba nunha política contracíclica, contra o ciclo que vai cara á recesión. É inxusta a política que fan agora os gobernos porque aplica a dobre pena contra a cidadanía, xa vítima da burbulla inmobiliaria. Moita xente perdeu o seu posto de traballo e a súa vivenda, castigada sen ser responsábel da crise, e agora as súas fillas non poderán ter a educación que necesitan e de enfermaren non poderán ter acceso a unha sanidade pública de calidade.

-Que receita ten a esquerda para saír desta crise?
-Hai que elaborar unha plataforma común dos movementos sociais da esquerda con propostas unitarias. No “Comité pola abolición da débeda no Terceiro Mundo” propomos a mobilización como cidadanía facendo unha auditoría cidadá da débeda pública para identificar a parte ilexítima e mobilizarse para obter que os gobernos a anulen

Esta entrevista apareceu publicada no número 4 de Sermos Galiza, o 29 de xuño de 2012

Comentarios