Erdogan impulsa a restauración da pena de morte embora significar a ruptura con Bruxelas

Nunha entrevista coa canle televisiva pública alemá ARD, o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, anunciou que levará a proposta de reintrodución da pena de morte ao Parlamento. A UE advertiu a Ankara que de prosperar esta iniciativa conxelará toda negociación para o ingreso de Turquía.

erdogan
photo_camera Un momento da entrevista

A pena de morte pode reintroducirse en Turquía porque o pide a xente e porque existe en boa parte do planeta, con excepción de Europa, argumentou Erdogan na entrevista.

"Se estamos nun Estado democrático, o pobo ten a última palabra. E a xente, que di agora? Quer que se reintroduza a pena de morte", afirmou, ao tempo que ligou a decisión final ao Parlamento: "Eu non son un rei. Apenas son o presidente dun país. Ser un presidente aínda máis forte non implica rachar a Constitución [que outorga ao Parlamento a competencia lexislativa]".

"O único lugar no que non existe a pena de morte é Europa. No resto do mundo está practicamente en toda a parte", alegou.

"O único lugar no que non existe a pena de morte é Europa. No resto do mundo está practicamente en toda a parte", alega Erdogan.

Erdogan parece consciente de que a reintrodución da pena de morte podería levar aparellada -tal e como onte lle advertiu o presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker- a interrupción das negociacións para o ingreso do país na UE. Mas mesmo así impulsa a súa restauración para completar as purgas masivas que sucederon ao golpe de Estado falido do pasado 15 de xullo.

De facto, a pena capital foi abolida en Turquía en 2004 para facilitar as conversas con Bruxelas.

Fracaso o golpe, Erdogan, após manter o poder, abriu a billa a unha masiva purga, saldada coa suspensión das súas funcións de 45.000 funcionarias e funcionarios e coa retirada da licenza para impartir ensino a 21.000 profesoras/es, segundo dados de Russia Today.

Esta segunda feira, a purga atinxiu 42 xornalistas, que foron detidos ao seren vinculados coa oposición polo AKP, o partido islamista de Erdogan.

Acusacións á UE sobre as persoas refuxiadas

O status das persoas refuxiadas en Turquía foi outro dos asuntos chave da entrevista. Aquí Erdogan pasou ao contra-ataque e bateu na UE, á que acusou de non cumprir coa súa parte no trato. Turquía, dixo, comprometeuse a acoller a tres millóns de persoas refuxiadas en troca dunha axuda de 3.000 millóns de euros que, afirmou, non se ten materializado.

Comentarios